Carlos Casanova

| FERNANDO SALGADO |

LUGO

IN MEMORIAN

03 feb 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

NON ME deches tempo, Carlos. Non nos deches tempo a expresarche toda a admiración, todo o agarimo, que che tiñamos os teus leais. Mergullados nesta frenética e aloucada carreira -¿cara onde?- non atinamos, pobres de nós, a reservar na axenda de cada día as horas precisas, os minutos para compartirmos amizade e regar a planta dos afectos. Malgastamos o tempo en cousas cativas sen decatarnos de que é un ben escaso. Pensabamos que o teu corazón, extenso coma un latifundio, era, xa que logo, invulnerable. Trabucámonos unha vez máis. E por iso, cando os amigos de El Progreso -demasiado loito, Pilar Peruga, Miguel Otero, amigos- descolgan o teléfono para darche a mala nova, sentes que se murchan febras moi íntimas, percibes que te manca o aire que respiras. E non atopas, Noly querida, palabras de consolo. Porque ti -eu- tamén estás ferido.