Unhas por outras

CARLOS VÁZQUEZ

LUGO

NO OUTEIRO | O |

13 ene 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

AS PAPELEIRAS das zonas máis conflitivas nisto do denominado «vandalismo nocturno» van ser substituídas por outras menos propicias para saíren voando. ¡Xa veremos! Confésolles que vendo o panorama, en máis dunha ocasión pensei en suxerir que nesas zonas algún operario se encargara de recoller as papeleiras antes da movida. Mais que nada para que non romperan ou supuxeran un perigo para o tráfico. Naturalmente, coa raia do día, alguén tería que ocuparse de volvelas ao seu sitio. ¿O lixo? ¿Que diferenza había xa entre telas ou non telas? Esta maneira de proceder que non lles estrañe. Acabo de ver en Vigo como nas zonas da movida había un coche municipal dedicado a ir parando diante dos contedores do lixo, momento no cal o condutor baixaba e vertía dentro o que outros xa deberan ter feito. Por certo, fixeime en que onde máis lixo había fóra do receptáculo era a carón dos comercios e locais de hostalería. Tamén poderíamos falar, mesmo de aquí, dos que baixan o lixo cando lles peta e déixano onde mellor lles cadra por non andar un pouco. En fin, é de aplaudir que existindo un problema se trate de dar unha solución. ¿Será a definitiva?