? Comisión de Normalización Lingüística da Escola Politécnica presentou onte o primeiro dunha serie de glosarios sobre termos relacionados coas titulacións do centro. O vicerrector do campus, Carlos Herrero, e o director da escola, Xoán Carlos Carreira, asistiron á presentación do vocabulario de Termos esenciais de Botánica, feito en galego, castelán e inglés, ademais de recoller os nomes científicos das plantas e árbores. A obra conta con 694 entradas, ordenadas alfabeticamente polo nome galego. Os autores do vocabulario foron os profesores Antonio Rigueiro, Juan José Villarino e Elvira Díaz. O primeiro dixo na presentación que se trata dun glosario de axuda para os estudantes e os docentes. Destacou que recolle unha información que se atopaba dispersa e que quedará como documento para o futuro. Herrero e Carreira agradeceron o esforzo dos autores e sinalaron que tamén «se pode facer ciencia en galego».