París ben vale unha oda no Cairón

Xavier Lombardero LUGO

LUGO

Crónica | Lugueses nos actos da liberación da capital francesa Republicanos galegos levaron o 24 de agosto ata os Campos Elíseos o poema «Ofrenda a los franceses» que Lorenzo Varela escribira para conmemorar a retirada nazi

02 sep 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

Un grupo de membros dos ateneos republicanos españois asistiron os pasados 24 e 25 de agosto aos actos conmemorativos que en París houbo para celebrar o 60 aniversario da liberación da capital francesa. Os primeiros soldados en entrar na cidade, que ata 1944 dominaban os nazis, foron republicanos españois da coñecida como Columna 9, mandada polo capitán Dronne. De feito, o primeiro carro en chegar daquela ao Concello parisino foi o que mandaba Federico Moreno, e que fora bautizado Guadalajara , en recordo da batalla da Guerra Civil Española; por detrás avanzaban os blindados Madrid , Belchite ou Ebro . Varios republicanos lugueses asistiron o día 24 a unha homenaxe pública celebrada no peirao Enrique IV, xunto ao Sena, para recordar algo que para moitos resultou silenciado ou manipulado polos propios aliados: que foron españois os primeiros en entrar en París. De feito, liberada xa Francia, dos 144 españois da Columna 9, só sobreviviron 16, entre eles o asturiano Manuel Fernández e o catalán Luis Royo, aínda vivos e presentes no acto. Na Segunda División Acoirazada que mandaba o xeneral Leclerc houbo máis de 3.500 soldados españois, moitos veteranos da Guerra Civil. Un dos lugueses que viaxou a París, Andrés Páramo, parodiou a novela de Hemingway dicindo que «París volveu ser unha festa». Ata alí levaron tamén unha edición do poema Ofrenda a los franceses que o monterrosino Lorenzo Varela escribira en 1994 para celebrar a liberación. A edición foi publicada por Ateneo Republicano de Galicia e prologada por Xesús Alonso Montero. Lorenzo Varela, entón xa no exilio en Bos Aires, publicara a oda nun número monográfico que Correo Literario dedicara a unha Francia que se libraba xa do xugo nazi. . ..yo, que no tengo nada, os doy esta palabra: la palabra Cairón , escribía Varela recordando que . ..Allá, donde entre brezos asoman hoy fusiles varones guerrilleros: predilectos del alto corazón de la patria, ....En ese monte, hermanos míos, está la estrella fatal que me dirige . No acto de desagravio aos combatentes españois participaron numerosos cidadáns franceses, comezando coa intervención da alcaldesa adxunta de París e neta de republicanos españois, Anne Hidalgo. Logo interviu o presidente do Senado español, Javier Rojo e pechou o encontro o alcalde de París, Bertrand Delanoë. Tamén asistiron o xeneral francés Alain de Boissieu, a filla de Amado Granell, segundo no mando da Columna 9; Alegría Just, filla do que fora ministro da II República Española, Julio Just; o conselleiro catalán Joan Saura, o presidente en funcións de Asturias, Jaime Rabanal, e a portavoz do Goberno Vasco, Miren Karmele Azcárate. O presidente do Ateneo Republicano de Asturias, Macrino Suárez, economista e profesor xubilado na Sorbona, tamén asistiu. Ó día seguinte, o 25, os carros de combate Leclerc do Exército francés percorreron a rota da Columna 9 ata o Hotel de Ville, continuando a festa nos Campos Elíseos ata o 26. No corazón de moitos republicanos e vellos loitadores da resistencia quedaba xa o acto de desagravio e o recordo de moitos galegos (especialmente das Milicas Populares Gallegas do PCE) que pasaron polos campos de refuxiados de Argèles sur Mer, Vernet, Barcarés, Sepfonds, Tarne, Garonne, Adge ou, como o propio Lorenzo Varela, en Saint Cyprien. Francia foi para o monterrosino lugar de paso antes de partir en 1939 cara a México no vapor Sinaia , para un exilio do que non volvería ata a restauración da democracia en España.