¡Apetuña, apetuña!

CARLOS VÁZQUEZ

LUGO

TRIBUNA | O |

21 jul 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

¡SOMOS así! Un matrimonio de xubilados foi ao banco ingresar 5.000 euros na conta do seu fillo. Que traballa en Madrid, está ben empregado na Telefónica, é fixo e ademais está solteiro. Isto dicían eles en alto para todos os que estabamos alí. Terían que ver con qué tenrura entregaban o sobre. Claro que estando tan ben como está a súa criatura de 48 anos, para qué quererá el os cartos, dixen para min. E talvez vostedes, non exentos de razón, dirán que qué demo me importaba. Nadiña, se non fora porque o «pobre» do señor levaba os calcetíns rotos máis arriba do calcaño. ¡Os dous!, se ben un máis có outro. Dous auténticos buracos que nin zurcíndoos como facía a miña avoa valerían. Iso por non dicir da señora, que ata me deu mágoa, pois a saber cando foi a última vez que estivo na perruquería. Ben, pero aínda así, tampouco eu nada tería que dicir se non fose porque na conta dese fillo único -que o que ten de bo, teno tamén de malo-, había acumulados 36.000 euros. Que dito así posiblemente non dea dos seis millonciños que suman. E pregunto eu, ¿non lles había ser mellor quedar con algo para gastaren eles? ¡Aínda que fora en calcetíns!