Listas de espera

CARLOS VÁZQUEZ

LUGO

TRIBUNA | O |

13 may 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

O SERGAS debería poñer igual empeño en reducir os tempos de tardanza que en ofrecer cifras falsas. Estatísticas que só pode crer quen ten unha saúde de ferro e nunca pisou un hospital ou quen pode pagarse un seguro privado. Sorprende que haxa quen inda pensa que o das listas de espera coma un problema serio é un invento dos medios de comunicación. Que non lles chame a atención porque tal cousa foi pronunciada por un empresario da capital lucense a unha semana das pasadas eleccións. Vamos, que está claro que quen non quere ver non ve nin á de tres. Sen embargo, ó xa publicado pola redacción lucense de La Voz, poderíanse engadir infinidade de casos máis nos que a espera supera os dous anos. Malia que hai especialidades nas que para evitar a vergoña de dar unha data, optouse por non dar cita. «Non lla podemos dar. Díganos o seu teléfono que xa a chamaremos», dixéronlle hai días a unha señora de Láncara que pedía para xinecoloxía. Cóntame outra que leva case dous anos agardando para o mesmo. A este paso precisará tamén da de rehabilitación, para repoñerse da tardanza. Pero vaiche boa tamén. Haberá que ir pensando entón no Valedor.