TRIBUNA | O |
24 abr 2004 . Actualizado a las 07:00 h.HAI FRASES que cando son pronunciadas advirten o perigo do que se vai dicir despois. De seguido transcribo unha. Oín nun bar da Milagrosa: «¿E non son racista nin nada. Pero tiven un moro traballando para min e díxenlle: Traballa aí, ¡moro!». Non perdan detalle do que engadiu: «Oíches, llo tío traballaba eh, que mentres eu sacaba unha padeada, el levantaba tranquilamente catro». Si, eu tamén penso o mesmo que vostedes: que menos mal que o tipo non era racista. Porque de selo habiámoslle preguntar cánto lle pagaba ó mes e tamén, por qué non, se o tivo asegurado durante todo ese tempo no que sacaba adiante máis traballo có propio xefe. (O xefe é o xefe, si) Paréceme que a conversa iniciárase como consecuencia dunhas imaxes que botaban pola televisión sobre dos secuestros de civís en Iraq. Repulsivos pero ¿por que os fan? Cabe supor que ese que non se tiña por racista pensaría coma un curmán meu de Madrid que me dixo en Semana Santa que ós «moros» había que collelos a todos e botalos para o seu país. ¿Que país? Era previsible que tralos terroríficos atentados xurdiran reaccións coma esta ou peores. Sexamos prudentes.