«Non é normal un imposto sobre a gasolina para pagar esta sanidade»

Xavier Lombardero LUGO

LUGO

Entrevista | Bernardino Pardo Teijeiro Bernardino Pardo critica a xestión dos recursos que fan os gobernos populares, e di que agora o voto útil debe ser do BNG

08 mar 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

Bernardino Pardo Teijeiro é unha das caras novas dunha campaña electoral na que o BNG pasou do «non» e apostou polas mensaxes en positivo. A súa candidatura ao Senado no apareceu con posibilidades nas enquisas pero isto non desanima a este médico (exerce no centro de saúde de Vilalba). Posúe experiencia na xestión pública e xa fora candidato nas municipais en Lugo hai 25 años, daquela polo Movemento Comunista de Galicia. -Non pertencía ao MCG pero, como non tiñan xente dabondo, accedín a ir na lista, para disgusto de meu pai que case lle dá un pasmo. Daquela moita xente estaba implicada en política, contra o franquismo e contra a dereita. -Pero vostede foi logo asesor de Romay Beccaría -Aí se demostra a diferencia entre un sistema arcaico de concebir a política, o clientelismo do PP de Lugo, e outro sistema, o de Romay, que buscaba xente que lle puidese aportar, fose do partido que fose. Conseguíronse cousas importantes, por exemplo na articulación das urxencias no rural. Estiven un ano xusto como director de Institucións Sanitarias Abertas da provincia de Lugo (os ambulatorios), e montei de golpe nove puntos de extracción de sangue. Logo presentei a demisión cando me dixeron que non había recursos para amañar o tellado do centro de saúde de Mondoñedo. Chamou a atención, e tardaron seis meses en atopar substituto. -¿Por que dixo si ó BNG? -Non milito pero son simpatizante. O Bloque fixo un bo traballo pero en Lugo quedou sen recompensa: Branca en Asuntos Sociais, o labor de Fernando en Economía foi loubado ata polo PP, Lage en Transportes, Cela en Medio Ambiente. Pero a chamada ao voto útil sacrificou ao nacionalismo. Agora o voto útil é o BNG, porque somos persoas útiles e porque o PSOE tería que medrar moitísimo para acadar o segundo deputado, e non vai chegar. -¿Está a sanidade tan mal como din vostedes? -É problema de fondo. Hai unha idea premeditada de acabar coa sanidade pública. Non é normal que poñan un imposto da gasolina para pagar esta sanidade, cando en Galicia dedícanse 895 euros por persoa e ano. É dos gastos máis baixos do Estado. Castela e León, coa poboación máis concentrada e doada de atender, gasta mil euros, e o País Vasco ou Navarra, cuns servizos moi avanzados, 1.100. O das listas de espera aquí é de escándalo. Hai que buscar recursos, é problema de valentía dos xerentes, pero claro, no PP buscan xente dócil e sumisa. Póñolle un caso. No hospital de Ourense, equiparable ó de Lugo, teñen 35 anestesistas, aquí hai 20. Para poñer a epidural nos partos sen dor tería que haber un, pero á anestesista residente que podería entrar leva dende xaneiro co de hoxe te contrato, hoxe non te contrato.