«A xente é sensible para cooperar en solidariedade»

Xosé María Palacios lugo

LUGO

Entrevista | Clara Raposo Hai outro mundo, non lonxe de nós pero ás veces esquecido. Clara Raposo defende que a axuda do 0,7 % do Produto Interior Bruto non se esqueza

04 mar 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

Cooperación e paz pode soar a frase fermosa, a slogan xa coñecido ou a proposta de traballo político. A plataforma que defende a axuda do 0,7 % do Produto Interior Bruto (PIB) está a mobilizarse estes días para que non se esqueza a importancia da solidariedade. Clara Raposo subliña que non se sempre se cumpren os criterios que presiden a axuda aos países en vías de desenvolvemento, e advirte de que o asunto non é só cuestión de cantidade senón tamén de calidade. -¿Hai sensibilidade na xente con esta cuestión? -Velaí o problema. Eu creo que a sociedade está sensibilizada para cooperar en solidariedade. Abonda con lembrarmos aquelas mobilizacións de hai dez anos, coas acampadas... A xente responde cando a mobilizas. Esa solidariedade está aí; pero os políticos non lle dan importancia porque non se senten presionados e esquecen o tema. Eu creo, sen embargo, que temos o apoio da xente. -Coincidindo coa campaña electoral organizan unha mesa redonda. ¿Non é unha certa incoherencia celebrala estes días ou máis ben fai falta? -As persoas temos, cada catro anos, a responsabilidade de decidir quen vai gobernar o país, e nós queremos sacar todo a debater. Gustaríanos que houbese debates sectoriais de todo o que interesa: sanidade, educación... É un acto de responsabilidade dos cidadáns esixírenlles aos políticos que expliquen o que han facer e amosárenlles que hai preocupación polo tema. -¿Cre que lles farán caso? -As utopías serven para ir cara a elas, non para conseguilas. Non sei se nos farán caso ou non, pero o noso deber é facer estes actos.