Placas

MANUEL XOSÉ NEIRA

LUGO

TRIBUNA | O |

26 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

REFERÍA o escritor e editor Víctor F. Freixanes a propósito dunha homenaxe ao guitarrista Manuel Blanco Torrado que iste en realidade o que fixera na cultura galega fora pór unha placa para a construcción dunha casa ou dun chalé: a casa pública e popular galega. En efecto, as placas sonlles moi importantes e seriúdas, son as trabes ou alicerces das casas, pisos ou andares. Son fundamentais no noso país. Pero falabamos de placas fixadas en rememoranza, lembranza de vellos autores xa desaparecidos do mundo dos vivos. Así, na praza do Ferrol, existe unha placa dedicada a don José Trapero Pardo, xustamente sobre unha sá (eu prefiro o termo visigótico «saa») de arte que floreceu, literalmente floreceu, nos baixos dunha entidade bancaria e onde eu contemplei unha chea de pintura de diversa catadura. Falta, desapareceu, a placa que lembraba a Aureliano J. Pereira, un xornalista dos de antes, de moita importancia e que a pesares de ser xa reivindicado dabondo non foi lido e estudiado como debera. Un xornalista «xurdio». Isa placa estaba nunha esquina, nun anco facendo cóbado indo de cara á praza do Campo. Desapareceu e nunca foi reposta. Son cousas que incomodan porque borran a memoria histórica dun pobo. Dicir que se fai necesario lembrar a Luís Gómez Pacios, o pintor, que viviu unha temporadiña na zona da Pousadela, entre o Carme e A Cheda. Canto a Trapero Pardo é un moi frouxo escritor, inhábil reseñador de arte, un frouxo historiador. O que se fai preciso é recompilar todo o seu traballo. Recoméndollo facer a Luís López Pombo que foi o seu amigo. Trátase, a obra de Trapero, coma unha mouteira de herba seca, co seu peculiar aroma, case un perfume: herba seca.