PROGRAMA | Unha conferencia de Alonso Montero sobre o exilio abre os actos da homenaxe

La Voz

LUGO

24 nov 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

O denso programa de actos da homenaxe a Lorenzo Varela en Monterroso, o sábado vindeiro, ábrese ás 11.15 horas cunha conferencia de Xesús Alonso Montero, que leva por título «Os escritores galegos no exilio». Ás 12.00 inaugúrase unha exposición, presentada por Isaac Díaz Pardo. De seguido, ás 12.15 horas, preséntase o libro de Xosé Gregorio Ferreiro Fente Sesenta e seis escritores falan de Lorenzo Varela. Ás 12.45, o grupo A Quenlla canta a Lorenzo Varela. Ás 13.45, descuberta do busto de Lorenzo Varela, de José Luís Ferreiro Diéguez, na praza de Santa Lucía. Logo dun xantar de confraternidade, ás 16.00 horas haberá unha ofrenda floral no cemiterio de Fufín, onde repousan os restos do autor de Lonxe, así como a descuberta dunha placa conmemorativa na casa da súa familia materna. Mesa redonda Ás 17.00 horas, mesa redonda na que participarán Xosé Luís Axeitos, X. Carlos López Bernárdez, Xosé Neira Vilas, Claudio Rodríguez Fer, Fernando Salgado e Fernando Scornik, fillastro de Lorenzo Varela. O acto será presentado por Antonio Gato, alcalde de Monterroso. Ás 18.15 horas, o editor Manuel Bragado presenta o libro Escolma: 12 poemas. Quince minutos despois dará comezo un recital poético, coa participación de Xosé Ramón Fandiño e as alumnas do IES de Monterroso Aida López Fernández, Lucía Vázquez García, Nerea Varela Quintás e Luz Varela Armas. Ás 19.00 horas, proxección dun programa da TVE sobre o libro Catro poemas pra catro grabados. A xornada remata ás 19.30 horas, coa entrega dos premios ós gañadores do certame escolar «Monterroso e Lugo na vida e na poesía de Lorenzo Varela».