«O Bloque nunca vai dar cabida a actitudes como a de Sabela Caldas»

LUGO

XURXO LOBATO

Entrevista | Ana Belén Pontón Mondelo Esta sarriá é a número 5 da formación nacionalista e acaba de converterse na principal representante da mocidade galega dentro do BNG

24 nov 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

Con 26 anos cumpridos recentemente, Ana Pontón afronta a súa segunda etapa como membro da executiva nacional do BNG. Esta sarriá orixinaria da parroquia de Chorente e licenciada en Ciencias Políticas é agora mesmo a principal expoñente da mocidade nacionalista como responsable de Galiza Nova. «O Bloque nunca vaidar cabida a actitudes como a de Sabela Caldas», asegura como sarriá e como integrante das listas da súa formación nas pasadas eleccións municipais. -Foi un bo resultado para o BNG despois do debate para elixir a un novo candidato. -Con 26 anos, ¿xa é unha persoa experimentada no mundo da política? -Digamos que o meu perfil responde un pouco ó tipo político característico no BNG. A xente do partido traballa moi duro por solucionar os problemas da mocidade, ós que os gobernantes actuais non atopan ningún tipo de resposta. -¿Por que chegou vostede á política da man dun grupo como o BNG? -Sempre fun unha persoa con ideas nacionalistas e polo tanto o Bloque era a formación política que mellor ocupaba o espacio no que eu me atopaba cómoda. Ademais, é un partido que se brinda á participación da xente. -Despois do congreso, ¿quédalles moito traballo por facer? -Traballo haino en tódalas etapas. Neste caso era un cambio para o propio partido que supuxo a renovación da cabeza do cartel. Pódese dicir que se trata de unha nova etapa, pero sen cambiar os posicionamentos da anterior. -¿Que opinión lle merece o sucedido con Sabela Caldas en Sarria? -O único evidente é que o Bloque Nacionalista Galego nunca vai dar cobertura a estas actitudes nin as vai amparar baixo ningún concepto. Neste caso, tratouse dunha actitude personal de Sabela Caldas que debe explicar ela mesma. -¿Esta decisión persoal de Sabela Caldas fíxolle dano ó BNG? -Resulta evidente que así foi. Fíxolle moito dano, considerando que a xente tende a xeneralizar nestes casos e polo tanto confunde na maioría das veces unha actitude persoal coa maneira de actuar dunha formación política. Trátase de algo difícil de expresar, pero dende logo que este incidente prexudica a imaxe do BNG. -¿Como analiza o actual situación da mocidade galega? -Agora mesmo é moi preocupante, tendo sobre todo en conta que cada vez son menos as persoas novas en Galiza. Considero que é un sector moi dinámico e con moitas ganas de tomar parte activa no que sucede na sociedade, pero non nolo están deixando facer. -¿O mundo do emprego tamén é unha seria preocupación para vostede? -Dende logo que si. A precariedade laboral é outro dos grandes problemas que acosan á xuventude galega. Non podemos esquecer que nas últimas estatísticas as cifras de precariedade laboral e desemprego de Galiza estaban por debaixo da media do resto do Estado, algo que nos ten que preocupar. -¿As administracións preocúpanse moito pola xente nova? -A verdade é que non mostran un interese real polos problemas que acosan ós mais novos. A Xunta non conta agora mesmo cunha política encamiñada ós xoves e que poida solucionar os seus problemas, polo que hai que buscar solucións a este difícil asunto.