«Evoco un mundo que pode compartir moita xente»

LUGO

Entrevista | Xesús Fraga O xornalista amosa no seu segundo volume publicado por Xerais unha guía sentimental da cidade na que naceu, Londres

27 oct 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

?s psicólogos din que os primeiros anos da vida dunha persoa marcan o devir da mesma. Xesús Fraga, escritor e xornalista de La Voz de Galicia, viviu ata os cinco anos en Londres e coma un especie de tributo á cidade que o veu nacer e ama, escribiu A-Z , o seu segundo volume publicado por Xerais. A presentación será hoxe ás oito da tarde na librería Trama e coa presencia de Rodríguez Fer. -¿Hai que coñecer Londres para ler o seu libro? -A idea é que sirva como guía, como as que temos antes de ir a algún sitio e queremos saber qué podo ver. No libro danse pistas sobre a cidade, e cítanse parques, museos e lugares de axuda práctica. E no literario, hai sensacións da cidade que ós que non a visitaran poden gustar e darlles ganas de ir. Pasa igual que coma en Nova York, que as coñecemos polas películas de Woody Allen ou Scorsese. -Nun dos capítulos, «Cuestionario», deixa claro que hai tantos Londres como persoas viven nela. -Quixen amosar cómo as mesmas preguntas feitas a diferentes persoas dan unha relación diferente coa cidade na que viven. Ós emigrantes nótaselles que as súas raíces non están en Londres senón na súa aldea natal, pero os seus fillos ven a cidade como algo natural e viven o seu carácter cosmopolita. -Non se pode negar que o libro sexa seu. -Nace da experiencia persoal. Evoco un mundo que pode ser compartido por moita xente, aínda que as vivencias non sexan idénticas. Quería dar a miña visión persoal da cidade, aínda que as historias que conto non me pasaran a min. -Entre cada unha das historias, intercala impresións persoais... -Decidín poñerme a pensar nos primeiros cinco anos e recuperei uns trinta recordos, e decidín evocar algúns de xeito breve, intenso e lírico, como paisaxes da miña infancia.