DESDE EL ADARVE
20 oct 2003 . Actualizado a las 07:00 h.A PELÍCULA Soñadores de Bertolucci é toda unha homenaxe ó cine, á mellor música dos sesenta e á liberdade persoal, tamén no plano sexual. Porque o cine sempre foi unha ventá para a exhibición cultural e política, pero sobre todo para a corporal. Nunha das esceas do filme faise unha particular ofrenda a Marlene Dietrich, que aparece nun cartel, medio gardada detrás dunha porta. Ese cartel tróuxome ó acordo os pasquís que forraban as táboas de división dos cuartos nas casas galegas. Actores e actrices dos días de domingo decoraban o interior das aldeas...ata que chegaron as fotonovelas e o SuperPop . Os máis veteranos acordan tamén cando había que comprar coa entrada, obrigatoriamente, o «emblema» do Movimiento . O No-Do e este imposto político eran a peaxe a pagar por unha hora de liberdade, un momento de cine no que, se cadra, dúas mans podían entrelazarse debaixo dun abrigo.