Malabarismos na rúa

CARLOS VÁZQUEZ

LUGO

TRIBUNA | O |

17 oct 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

HAI moitas cousas que fan que unha cidade teña encanto. Os músicos, pintores, mimos e malabaristas pola rúa tamén contribúen. Santiago de Compostela nunca está sen eles e por sorte en Lugo tampouco faltan, alomenos ultimamente. A súa presencia fai que a xente se deteña: para ver unha figura estática, contemplar unha pintura a piques de rematar, oír a música de Mozart¿ Ou divertirse cos a miúdo sagaces malabaristas. Porque si a lanzar as bolas de trapo cara ó ceo non hai quen lles gañe, a perspicaces tampouco. Sobre todo a ese ou esa que se adianta do grupo para falar coa xente e que con dúas frases ten que gañarse a confianza de quen pode deixar algo. Precisamente a semana pasada un deles achegouse a un viandante. O camiñante co xesto, primeiro díxolle que non; e despois, logo de dous, tres pasos, espetoulle: «¿Aínda segues aquí?» Non se perdan a resposta: «Si, aquí mesmo. ¡Mentres non faga unha película como o Schwazenegger ese!». Aquela mesma madrugada soubérase que actor norteamericano (de orixe europea) gañara as eleccións no estado de California. As noticias voan. E, sobre todo, qué fino enfiou o rapaz dos malabares, eh.