Entrevista | Marga Portomeñe Ubú Teatro tenta dinamizar o mundo das artes escénicas en Lugo. Tralo San Froilán porá en marcha os seus cursos de expresión corporal, improvisación e dramatización
01 oct 2003 . Actualizado a las 07:00 h.A secretaria da asociación cultural Ubú Teatro de Lugo, Marga Portomeñe, é coñecida polo seu papel de Vanessa, da familia Pelúdez, durante as festas de San Froilán. Ademais de actriz, é artesá de cartón pedra, deseñadora de vestiario e monitora de teatro. -O día 13 iniciaremos o curso 2003-2004, que durará ata xuño, con clases para persoas de tódalas idades, en grupos. Para os nenos de seis e sete anos haberá expresión corporal e xogos dramáticos, para que fagan de animais ou personaxes; ós de sete a dez anos, ademais de xogos, introduciránselles textos; e impartiremos improvisación e dramatización para os maiores de dez anos. -¿Cando se van a desenvolver as clases? -Os nenos terán dúas horas semanais e os adultos tres, e as clases serán o martes e xoves. As fins de semana desenvolveremos monográficos, como o primeiro que faremos desde xaneiro de creación de máscaras e monicreques. -¿Cales son os proxectos que teñen en Ubú Teatro? -Creamos a asociación hai dous anos para darlle formalidade ó que antes faciamos libremente. Cando teñamos un escenario no local de río Cabe, tentaremos que actúen outros grupos. Pensamos en facer grupos teatrais con rapaces novos. Temos en cartel A raíña aburrida , unha adaptación da obra de Xesús Pisón. A directiva prepara o guión doutra sobre piratas. -¿Como considera que é o estado actual das artes escénicas na cidade? -Hai pouca oferta de artes escénicas para nenos. Os ciclos que organiza a Universidade, a semana de teatro clásico e o certame de teatro xuvenil da Xunta crean afección. Atravesouse un baixón e agora estase recuperando. Temos que aproveitar este bo momento. O teatro non serve só para actuar, senón que inclúe outras ensinanzas para a vida: traballar en grupo, falar en público e afrontar retos na vida sen medos. A vida é puro teatro, e cada día representamos roles.