O investimento social

CARLOS VÁZQUEZ

LUGO

TRIBUNA | O |

18 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

¡O MÁIS baixo de Europa! Refírome ó gasto público social de España. Contra esta afirmación poderanse esgrimir argumentos varios, tamén desde Lugo. Algúns falarán de que precisamente gracias a iso logrouse conter a débeda. Pero, ¿non convén, ás veces, endebedarse un pouquiño? ¿Máxime cando así se subiría o nivel de vida da poboación en xeral? A favor da contención do gasto que realiza o Estado en cousas como as escolas infantís, residencias para maiores e hospitais, acostúmase a utilizar ese recurso da creación de emprego. Que dende logo resulta indispensable para o desenrolo dun país. Sen embargo, permítanme que pregunte axiña polo tipo do emprego que se crea. Si é de calidade, quero dicir. Ó pé da rúa dise que non. Porque nin produce estabilidade nin suma dereitos para o traballador. Pero en fin, dende algunhas posicións, sen dúbida acomodadas, poderase aludir, aínda, a que países como Alemaña ou Francia están a reducir o seu gasto social. Tal presuposto levaríanos a pensar que o noso goberno actúa ben. Pero para manter eso sería indispensable esquecer un elemento básico: Que o gasto social europeo está moi por riba do noso. En consecuencia, eles si poden permitirse unha rebaixa sen case aprecialo. Non así España, que por dar un simple dato, sitúase a máis do 8% do PIB da media europea; cando en 1993 chegamos a estar a tan só catro puntos. É dicir, que lonxe de converxer estamos retrocedendo en benestar. Claro que esto percíbeno, maiormente, só aqueles que dedican ata un 65% do seu salario en amortizar a vivenda na que viven hoxe; xa veremos mañá.