Autoritarismo rancio e soberbio

LUIS ÁNGEL LAGO LAGE

LUGO

TRIBUNA | O |

15 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

HAI DOUS meses asistiamos os galegos, moitos de nós entre a sorpresa e a indignación, á entrega da medalla de Galicia, máxima distinción institucional outorgada cada ano polo Goberno da Xunta de Galicia, a un persoeiro como o señor Cascos, que nos últimos meses caracterizouse por estar de cacería mentres os mariñeiros e voluntarios chegados de toda España recollían o chapapote coas súas mans. O señor Fraga ten recriminado e vilipendiado publicamente as voces disonantes e discordantes coas súas voloutadas políticas, en nome dun chamado respecto institucional. O mesmo escoitamos cada vez que un político do PP é contestado ou pitado pola cidadanía. Ven a min a imaxe do ex, Piqué, na Diada de Cataluña. Pero falando de desprezo institucional, véñenme á memoria cantidade de exemplos protagonizados polo sectarismo de presidentes como Aznar, Fraga ou Cacharro, conselleiros e ministros varios, que consideran a España, Galicia ou Lugo patrimonio de seu e do PP. Vergoña democrática e desprezo institucional merecen aqueles que en actos institucionais de tanta relevancia como a inauguración do Parador de Monforte ou o Balneario de Guitiriz, dende un autoritarismo rancio e soberbio, evitan a presencia do alcalde e alcaldesa no legado histórico municipal ó impedir que os seus nomes aparezan inscritos nas placas conmemorativas da inauguración. A pregunta, por obvia, non deixa de ser necesaria, ¿isto mesmo ocorrería se o alcalde ou alcaldesa foran do Partido Popular?