TRIBUNA | O |
11 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.CON ISOS 87.000 millóns de dólares máis que pide Bus para financiar os gastos do que el chama posguerra de Iraq, moito se podería facer en positivo. Incluso nos propios EEUU dous anos despois do 11-S. Dólares que en vez de asegurar zonas estratéxicas só para certos intereses económicos, poderían destinarse a un plan de saúde como o impulsado por Hillary Clinton. Un programa que, en palabras dela a El Semanal , consistía en «dotar a cada americano dun seguro médico accesible». Porque en efecto, non todo son vistas a Central Park. A través do cine, todos coñecemos ben eses outros edificios de vivendas con escaleiras de ferro por fóra. Si, eses que por dentro están ateigados de xente de moi distintas razas cun denominador común: a pobreza. Alguén poderá esgrimir agora esa palabra tan dos últimos anos, pero non é demagoxia o que estou facendo eu. Si é, pola contra, un intento de facer ver que segue habendo alternativas a esa pretensión de homoxeneizar pensamentos. Investir en armamento ou en facer máis escolas e hospitais públicos son opcións políticas distintas. ¿Acaso non? Pois ben, parece que agora aquí tamén se está por esas.