Traducción simultánea

CARLOS VÁZQUEZ

LUGO

TRIBUNA | O |

19 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

DENTRO DE pouco será posible falar con calquera persoa do mundo sen importar o noso idioma. Polo visto Microsoft prepara un sistema de mensaxeiría privado en tempo real con traducción simultánea. Poida que cando esto evolucione faga desaparecer á figura do intérprete tal e como é coñecida ata o de agora. ¡Xa se verá! O anuncio semella ser un grande salvavidas para algunhas linguas que parecían, se cabe, máis ameazadas coa chegada das novas tecnoloxías que tratan de simplificalo todo. Iso que non sempre ha de ser malo, con respecto ás linguas de momento parece que si. Con esta novidade poida que melloren as cousas. Claro que para que sexa unha realidade, aínda haberá que esperar a que primeiro se perfeccione e se estenda a tódolos idiomas, incluído o galego. A lingua -que debe ser sempre ese instrumento comunicador, de convivencia pacífica entre pobos e nunca unha arma arreboladiza contra ninguén- pode atopar con esto unha pequena bombona de osíxeno. Malia que se avise xa de que o devandito sistema comezará cunha traducción algo chusqueira, poida que sirva para manter a coexistencia das demais linguas e culturas que non falan o inglés. Só espero -permítaseme o inciso- que non acabe resultando como os manuais dalgúns electrodomésticos. ¡Menos mal que case ninguén os le! A traducción simultánea non só pode axudar a recuperar e manter viva outras culturas, senón que tamén permitirá axilizar as transaccións económicas, mellorar resultados nas empresas e, sobre todo, continuar no proceso globalizador. A verdadeira orixe de todo.