Entrevista | Severino Rodríguez Díaz Severino Rodríguez agarda poder presentar ó pleno no plazo de quince días o reparto de competencias no goberno municipal que formarán BNG e PSOE
16 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.A pantalla do ordenador do alcalde repetía onte ó mediodía unha única mensaxe ó seu novo usuario: introduza a contraseña, por favor. Severino Rodríguez xa estaba no Concello ás oito en punto da mañá, con ansia de poñerse ó día e resignado ante as inevitables sorpresas do primeiro día. No trasvase de poderes, o seu predecesor esqueceuse de darlle a clave de acceso ó equipo informático. -De momento só podo falar a nivel dos funcionarios, entre os que percibín unha moi boa disposición para facer o traballo en común que temos por diante. -Vaise a adxunta de Intervención e o vicesecretario. ¿Hai motivos para que ambos se sintan preocupados polo cambio de goberno? -Cada un opta polo camiño que lle parece. Aquí trátase de que os funcionarios fagan o seu traballo e os políticos o noso, sen intromisións. -¿Preocúpalle a posibilidade dunha moción de censura? -O que fagan os demáis é responsabilidade deles. Non parece moi razoable que nada máis entrar un alcalde alguén estea pensado en botalo fóra. Estamos aquí para solucionar os problemas da xente, non para defendernos de ninguén. -Pero gobernar en minoría, como farán BNG e PSOE en Monforte, esixe contar co que fagan os demáis. - O papel dos grupos do goberno, e de todos os demáis, debe ser buscar o mellor para Monforte, que é o que todos dixemos na campaña. Nós imos manter un diálogo permanente, explicar os nosos proxectos e ver que nos propoñen eles para acadar o consenso no maior número de puntos posibles. -¿Tamén agardan entenderse co PP? -Por suposto. Unha cousa é que cada un queira ter a maior representación política e outra solucionar os problemas de Monforte. -¿Comenza unha etapa de xestión dos problemas máis próximos ós cidadáns ou teñen tamén outras miras máis ambiciosas? -O goberno municipal ten que pensar en solucionar os pequenos problemas da xente, que os veciños saiban que o Concello está aberto a eles. Nós e o PSOE coincidimos na necesidade de proxectos importantes para o futuro de Monforte que se reivindicarán ante as administracións correspondentes. -O PP supeditou os investimentos da Xunta a que gobernasen outras persoas. -Os investimentos teñen que obedecer a un criterio de necesidades, non á cor dun determinado goberno. Do contrario, sería unha chantaxe ós cidadáns. -¿Está listo o reparto de responsabilidades do PSOE ou haberá que redefinilo ante a decisión de Iniciativa Galega (Inga) de estar na oposición? -Na última reunión entre as tres forzas que podían participar nun goberno progresista (BNG, PSOE e Inga) fíxose unha distribución que neste momento non vale de nada. Agora teremos que decidir se as concellerías que corresponderían a Inga se reparten ou se buscamos outra solución. Do que estou seguro é de que non vai haber problemas de ningún tipo para formar un goberno estable. -¿Haberá que agardar os 30 días que marca a lei para que o pleno aprobe o reparto de delegacións? -Agardamos poder levalo ó pleno antes de quince días. -¿Está prevista algunha outra medida prioritaria? -Hai que facer unha auditoría e dicirlle á xente o resultado sexa cal sexa, facelo público para que a cidadanía coñeza a realidade económica do Concello. -¿Auditarase ata o ano 89 como acordou a anterior corporación ou ós últimos catro anos? -É algo que haberá que debatir. -¿Teremos pronto un presuposto municipal coa participación dos veciños? -O Concello non se cambia da noite á maña, pero imos comenzar a camiñar xa nesa dirección. Designarase un concelleiro de Participación Cidadá que manterá contactos coas asociacións veciñais e os representantes das parroquias. -¿Xa decidiu exactamente canto se rebaixará o soldo como alcalde? -A cifra exacta non (risas), pero podo anunciar que a rebaixa do soldo do alcalde irá ó primeiro pleno da nova corporación e que vai haber un recorte considerable. -Falando de cartos, creo que hoxe recibiu ós primeiros provedores cos que mantén débedas o Concello. -Hai certa inquedanza e quixera deixar claro que imos facer fronte a todos os pagos legalmente autorizados. No caso de compromisos persoais do anterior alcalde, haberá que falar. Estamos abertos a buscar solucións, pero non podemos incorrer na ilegalidade.