Os clásicos en pintura

MANUEL NEIRA LÓPEZ

LUGO

TRIBUNA | O |

13 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

A AVENTURA dos clásicos nada ten que ver co mercadeo, mercantilismo e desinformación mediática dos tempos de hoxe. A estulticia creativa de agora nada ten que ver cos mundos personalizados de outrora, de antano. A informatización, o descontrol mediático quizais mal asumido, e o exceso de información, proporcionan un baile raro e descontrolado de, sinto dicilo, baratillas culturais. A pintura luguesa, coido eu, comeza en Xulia Minguillón, unha retratista moi notábel que podemos emparentar coa Xeración Doente, onde sobresae o fillo de Rosalía, Ovidio Murguía, e máis coa pintura romántica inglesa, curiosamente chea de grandes retratistas, espléndidos. Atraídos pola España atrasada e romántica. Despois temos a Pacios (e por ista mesma orde), que é un pintor moi primitivo, moi esencial e con cores moi pastosas, moi grosas. Por último, temos ó mellor Tino Grandío, a quen ou asimilo sempre con xentes traballadoras do campo, con membros amputados e útiles para o traballo con apliques como muñóns, apliques metálicos: fouces e demáis. Trátase dun pintor moi interesante pola gama dos grises, negros, etc. Pero non só por iso: o cadro Crego con fregueses paréceme unha xoíña. Pacios representa a permanente imperfección, a selecta e constante imperfección premeditada. Diriamos que é un académico que non sabe pintar. Pero, sobre todo gosto da pintura de Xulia Minguillón, unha das mellores retratistas galegas de sempre. Nela apenas hai un ánimo de sobresaír. É modosiña, coma unha costureira: a María Miramontes de Ánxel Casal en Lugo. O constante labor dunha abelliña en cadros de dimensións notábeis.