No mosteiro foi inaugurada unha mostra fotográfica que reflicte a súa historia desde 1888 As imaxes rememoran o incendio que destruíu o cenobio en 1951
15 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.?o mosteiro de Samos foi inaugurada onte unha exposición fotográfica que rememora dous momentos claves da historia do cenobio: a restauración da comunidade monástica levada a cabo en 1888 -despois de permanecer suprimida durante 45 anos- e a reconstrucción do edificio tralo incendio de 1951, que o destruíu en grande parte. A exposición, patrocinada e coordinada pola Fundación Caixa Galicia, está formada por 56 fotografías -na súa maior parte pertencentes ós arquivos do mosteiro e ata agora pouco coñecidas- e será exhibida de forma permanente no piso superior do claustro grande. Durante a apertura da exposición foi presentada tamén a publicación Monasterio de Samos, historia de dos restauraciones , que recolle boa parte dos documentos gráficos que se mostran na exposición. O prior do mosteiro, José Luis Vélez, sinalou que este proxecto foi concibido a raíz da conmemoración do 50 aniversario do incendio de 1951. Inicialmente pensada para relembrar a reconstrucción do edificio despois do sinistro, a exposición foi ampliada despois para que recollese tamén a reconstitución da comunidade monástica no século XIX. O relixioso afirmou que a iniciativa contribuirá a aumentar o interese dos visitantes pola historia do mosteiro e, como exemplo, indicou que as imaxes xa chamaron fortemente a atención dun grupo de viaxeiros franceses que pasaron por Samos o mércores e que tiveron a oportunidade de ver a exposición antes de que fose inaugurada. No acto de apertura estiveron presentes o bispo lucense José Gómez; Ángel Beade, director territorial de Caixa Galicia; Ramón Soilán, director da aula sociocultural desta entidade, e María José López, directora da oficina de Caixa Galicia en Sarria. Pedro de la Portilla A figura do anterior prior da abadía samomense, falecido o pasado ano, foi evocada nas alocucións. Todos lembraron que a idea de crear a exposición fotográfica foi do relixioso desaparecido, quen se encargou tamén de redactar os textos da publicación.