O responsable dos populares lugueses afirma que descoñece que no seu partido haxa algunha norma que impida a Cacharro seguir como senador e presidente da Deputación
16 nov 2002 . Actualizado a las 06:00 h.O presidente provincial do PP de Lugo, Xosé Manuel Barreiro Fernández, demostrou na súa traxectoria política eficacia, habilidade e prudencia suficiente como para instalarse en postos clave na dirección do seu partido. Situado nesa etapa vital na que se alcanza a madurez, Barreiro ten por diante o reto de recuperar para os populares a alcaldía da capital lucense, nun momento no que na súa propia organización parecen xestarse cambios de alcance aínda dificilmente previsible. -¿Como viviu estes meses á fronte do PP de Lugo? -Creo que foron positivos. No terreo persoal, na medida en que tiven un maior coñecemento do partido e unha maior vinculación con persoas ás que coñecía pero coas que non tiña o trato que dá a xestión diaria desde a presidencia. Foi, e é, unha época cunha gran carga de traballo, porque tomamos o relevo (en abril pasado) a un ano das eleccións municipais. A nosa ocupación básica foi poñer en marcha os órganos do partido, particularmente o comité de dirección, e a preparación das eleccións. -Visto desde fóra, ás veces dá a impresión de que no seu partido en Lugo hai mar de fondo, malestar nalgúns sectores. Esta impresión, ¿correspóndese coa realidade? -Eu non teño esa percepción, nin se me transmite que haxa xente que a teña. Non vexo tampouco que existiran acontecementos que puideran dar lugar a ese suposto malestar, que, en todo caso, eu descoñezo. Tamén pode ser normal que nun partido tan grande coma o meu non todo o mundo coincida en tódalas opinións; no que temos que coincidir é no proxecto político. Mentiría se dixera que non encontrei a colaboración que demandei en cada momento. -Nalgúns círculos políticos asegúrase que Francisco Cacharro Pardo, o principal referente do partido en Lugo, está en horas baixas en relación co PP de Madrid e de Santiago... -As relacións con Santiago clarifícaas o feito obxectivo de que eu son, ademais de presidente provincial, vicesecretario xeral do PPdeG, e membro do seu comité de dirección. Igualmente son membro da xunta directiva nacional. As relacións son, polo tanto, normais e presididas pola cordialidade. Xa dixen en varias ocasións, e quizá convén dicilo outra vez: O PP de Lugo segue sendo, en termos electorais, unha referencia para o partido en Galicia e para o conxunto de España, e debe esta situación de preeminencia ó esforzo dos seus militantes durante anos, pero sería inxusto non dicir que tamén se debe ó labor de Paco Cacharro. Esta circunstancia non se debe esquecer, nin negar. Non podo coincidir en apreciacións que o sitúen en horas baixas; foi un referente do PP a nivel galego e nacional, é un referente e seguirá sendo un referente. Obviar o papel dun militante tan significado como Francisco Cacharro non se corresponde coa realidade das cousas, nin sería xusto. -Xa pechado o asunto da compatibilidade da actividade profesional e institucional do seu compañeiro Sergio López, ¿pódese dar un caso similar con Francisco Cacharro como senador e presidente da Deputación? -Non son situacións comparables para nada. A incompatibilidade que algúns querían ver, e que non existía, no caso de Sergio López derivábase dunha actividade profesional. A Comisión do Estatuto do Deputado non encontrou incompatibilidade, e os servicios xurídicos do Parlamento dixeron que desde o punto de vista legal era posible compatibilizar as dúas actividades. Outra cousa é a valoración que fai desde o punto de vista da estética, que en política é importante, o presidente do partido e da Xunta, ca cal coincido plenamente. Eu estaba convencido de que Sergio López, que é unha persoa de moita valía e moi responsable, adoptaría a decisión que considerase mellor. E así foi. -Aínda non aclarou se Cacharro Pardo poderá seguir sendo senador e presidente da Deputación... -O que teño que dicir é que a estas alturas descoñezo que no PP, tanto no ámbito galego como no nacional, exista ningún tipo de norma que prohíba esa circunstancia. Desde a modestia, pero nin eu nin o meu partido admitimos leccións de ética desde outras forzas políticas. As incompatibilidades responden a cuestións de carácter legal e hai que respectar a norma. Punto; non admiten ningunha outra valoración. -Detrás do conflictivo relevo na dirección da Confederación de Empresarios de Lugo hai quen fai lecturas en clave política... -Nós non temos nada que ver na problemática interna que se deu na CEL; nada, nin por activa nin por pasiva. Calquera vinculación que se faga será porque si ou con algunha intención. Desde logo o Partido Popular, como tal, non ten nada que ver. A CEL é unha organización independente e como tal terá as súas virtudes e os seus inconvintes.