Manuel Paz é un dos catro mestres que crearon en xaneiro un portal educativo en Internet para establecer unha ponte de comunicación entre os docentes
14 sep 2002 . Actualizado a las 07:00 h.Os contidos do portal educativo que fundou e no que colabora Manuel Paz, mestre en Carnota, interesan cada semana a miles de usuarios de Internet. -¿Qué é Edugaliza.org? -Este sitio web pretende rematar co aillamento dos colexios. Dende hai anos a Xunta ven dotando de ordenadores ós centros, pero infrautilízanse como instrumento educativo. Con Edugaliza.org queremos darlle uso a esa tecnoloxía. -¿Cales son os principais contidos do portal? -Hai tres pautas fundamentais no proxecto: o galego, a informática e o ensino. Tentamos que todo o que teña que ver con estes elementos apareza no portal. Inclúense noticias clasificadas por temas, o programa Clic, que permite ós usuarios facer un caderno de actividades on line para os nenos, artigos... Isto non é unha enciclopedia pechada, sempre será un caderno de traballo aberto a todos. -¿Que é o máis gratificante de traballar neste proxecto? -O máis interesante é coñecer a xente. Moitos dos que se conectan ó portal fan consultas, deixan colaboracións... Os mestres aínda estamos comezando a usar a nova tecnoloxía. Pretendemos que Edugaliza.org axude á formación dos mestres e que sexa unha ponte de comunicación entre eles. -¿ E os principais atrancos? -O peor é a falta de tempo. Este é un proxecto en continua construcción, e para mellorar a web hai que roubar ese tempo á familia ou ó lecer. -A financiación é totalmente privada. -Non hai axudas institucionais porque polo momento non fixo falta solicitalas. Así garantimos a independencia nos contidos do portal. Por iso tampouco temos publicidade na web.