«O caso é facer unha ruada»

La Voz

LUGO

X. DE VALE A ENTREVISTA Isidoro Rodríguez, presidente do Colectivo Cultural María Castaña

25 ago 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

O colectivo María Castaña de Lugo, que preside Isidoro Rodríguez, ven de remata na Praza Maior unha das actividades culturais programadas na rúa e coas que se intenta achegar a cultura tradicional non só ós turistas, tamén ós lugueses, para amosarlles que esa cultura popular está viva. O sistema é sinxelo, van polos rúas e convidan a xente a cantar e bailar. -Para a ocasión non se visten de traxe tradicional -Non, algúns imos de pantalón corto. O caso é achegar a música tradicional, facela cotidiana tamén co vestido de diario, que a xente participe do baile e do canto. -¿E a xente arranca con vostedes? -A experiencia que tiveron outros grupos culturais foi positiva. Coas persoas máis veteranas é doado comunicar e co resto de rapaces, supoñemos que si. Nós participaremos uns quince do grupo. Esta iniciativa partiu precisamente do noso colectivo. Presentamola na permanente do Consello da Cultura y desenvolvémola a través do Concello. -Teñen algún obxectivo máis? -A idea é que teña continuidade. A xente de Lugo ten que ver que é posible manter viva a cultura popular e para os moitos turistas que nos visitan, é un atractivo máis que lles ofrece a cidade. Trátase tamén de anima-las rúas. O caso é facer unha ruada.