«Entre nós, en galego»

La Voz

LUGO

Os datos poucos esperanzadores sobre o uso do galego entre os escolares preocupa á Consellería de Educación, que levará a cabo unha campaña de promoción do idioma nos colexios de toda Galicia. «Queremos prestixiar a nosa lingua e que os cativos a vexan como un rasgo da nosa identidade como pobo», sinalou onte en Lugo o director xeral de Política Lingüística, Xesús González Moreiras. O programa desenvolverase durante o primeiro trimestre do ano 2001, e está dirixido a mozos de entre doce e dezaoito anos de idade. Para conseguir o obxectivo, destinaranse 190 millóns de pesetas. Tódolos colexios recibirán diversos carteis co eslogan Entre nós en galego. Debuxantes como Xaquín Marín, Miguelanxo Prado ou Miguel Anxo Fernández foron os encargados de realizar os carteis, que levan escritos poemas de autores da nosa literatura. «Os debuxos quedarán nos centros como testemuño, e servirán para xerar debates e comentarios entre os alumnos», explicou Moreiras. Ademais, Educación enviará cintas de video con películas que narran aspectos de diferentes personalidades da cultura galega. Os colexios que amosen unha maior sensibilidade para fomentar o galego nas aulas recibirán bonos para mercar libros. «En vez de darllos, como se viña facendo, queremos incentivar e ofrecelos como premio», afirmou o responsable de Política Lingüística. Os cativos poderán participar en concursos de debuxo e literatura. A Xunta terá un «autobús da lingua», que percorrerá as vilas para informar sobre as leis, os topónimos, os recursos didácticos e outras campañas institucionais.