O escritor verinés presenta hoxe en Afundación de A Coruña «Y solitario bajo el cielo como siempre estoy yo»
14 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.A Xosé Carlos Caneiro (Verín, 1963) véselle contento e satisfeito coa súa nova novela. Confesa que tiña algo de medo a como podían reaccionar os seus lectores, aínda que semella ter acertado coa nova proposta -«os comentarios e as mensaxes que me chegan son moi positivos»-. Logo da publicación de Las arañas sobre Berlín (Guiverny, 2015), o escritor volta cunha novela afastada do seu corpus literario. Y solitario bajo el cielo como siempre estoy yo (Trifolium, 2015) preséntase hoxe en A Coruña -Afundación, 19.30 horas- e o fío argumental percorre escenarios da raia, Madrid e Roma. O protagonista, un deles, é Silverio Muné, un policía con moi bos contactos que consigue compaxinar destinos en Euskadi e a fronteira entre Galicia e Portugal. Un territorio, a raia, cun lado escuro e perigoso. O secuestro das xemelgas de Muné, e as pesquisas para resolver o caso, percorren a nova entrega de Caneiro. Unha obra que chega con anécdota.
-¿Que pasou coa edición?
-A novela está dedicada ao meu amigo Darío Villanueva. El foi o primeiro a quen lla din a ler, de feito comentoume que aínda coñecendo ben a miña obra a novela o deixou sorprendido porque me adentro nuns mundos que para el eran insospeitados na miña literatura. Na última revisión, ao reducirse a paxinación, quedaron fóra as follas de cortesía e non figura a dedicatoria que levaba no orixinal.
-As primeiras referencias falan dunha novela que non se parece ao que ten feito ata o de agora. ¿Como a definiría?
-É atrevida, politicamente incorrecta e descarnada. Unha novela en contra deste maniqueísmo que se ten instalado na literatura española e mesmo galega nestes últimos anos, no que os bos son sempre republicanos e de esquerdas e os malos xente de dereitas e católicos. Esta novela vai contra iso: aquí os malos non son tan malos, e os bos teñen unha parte escura. Para dicilo de modo moi sintético.
-Polo perfil do protagonista da historia, policía na raia e cunha realidade máis que complexa, igual a parte escura é un pouso importante.
-Y solitario bajo el cielo como siempre estoy yo é unha novela coral, con moitos protagonistas, aínda que efectivamente Silverio Muné é o principal. Hai un fío condutor moi claro, o que impulsa a novela é o secuestro das dúas mozas xemelgas fillas do inspector, e a partir de aí mestúranse dous mundos de maneira constante: un elitista, culturalmente falando, e outro escuro, tenebroso e mesmo luxurioso.
-Defina «luxurioso».
-A novela ten moitas páxinas de erotismo exacerbado, un territorio onde me introduzo por vez primeira, ten acción, intriga, misterio... é unha novela de acción.
-¿E suspense?
-Si, podería ser un thriller. Pero sen perder os sinais de identidade da miña literatura. Pretendo que a marca estilística estea presente, aínda que non caio en labirintos barrocos como fixen en obras anteriores. É unha novela moi clara, transparente, diáfana. E, sobre todo, politicamente incorrecta. Moito.
-E entra nun dos mitos da raia na súa contorna, as luces vermellas inzadas nas beiras das estradas.
-Iso era o que sinalaba Villanueva e é certo. Na novela está o mundo dos prostíbulos, da néboa, onde os personaxes teñen dobre cara, onde a mentira é un asunto fundamental, onde o transcendente deixa de selo cando se apagan as luces de neon neses lupanares. É unha novela moi da raia. Aí é onde se inicia todo. E da raia vai a Madrid e a Roma. Nesa mestura dos dous mundos.
-Ata Nemi, segundo figura nunha das reseñas da obra.
-E aí aparecen as galeras de Calígula e moitos outros do espazo cultural de elite que citaba antes.
-¿Aí é onde se adscribe a afección á ópera de Muné?
-A ópera é un fío condutor da novela. E a carón de todo ese mundo do que falamos está o dos lupanares e o da corrupción. Aínda que penso, e voltamos ao comezo, que o politicamente correcto é peor que a corrupción. O politicamente correcto fíxolle máis dano a España, e a Galicia, que a propia corrupción. E esta novela quere fuxir de todo iso e é politicamente incorrecta. E sobre o que me preguntaba, efectivamente Silverio Muné, un inspector de policía amante da ópera, é un personaxe dual -aínda que non o único da obra-. É un ser perverso, pero é capaz de amar ata a morte ás persoas máis achegadas e é un espírito culto e refinado. O cal quere dicir que, en ocasións, o ben e o mal van xuntos.
-¿A raia sempre foi ese espazo que nunca acabamos de aproveitar na literatura?
-É certo. Sempre foi un territorio de ninguén onde, precisamente por iso, crecen as flores máis escuras. Onde a delincuencia é algo normal e corrente, onde existe unha osmose entre Portugal e España que nos fai case que irmáns, á vez que nos diferenza moito, mais sobre todo é un paso de maldades. Na raia é onde se inicia o argumento da novela. E tamén aparecen argumentos históricos que todos coñecemos, como as minas de volframio ou a presenza dos nazis nesta zona, que é un mundo real. Nese aspecto recoñezo que é a miña novela máis realista.
-Unha raia que non separou nada.
-Nunca. E fíxonos moi cercanos, e por veces crecer en ocasións de costas ao máis próximo. Desgraciadamente. Para min a raia sempre foi unha fonte de riqueza en todos os sentidos, e fundamentalmente é un alimento dos soños que os ourensáns -os da miña, de Feces e a raia seca- disfrutamos e gozamos. O noso pensamento está máis en Portugal que en Andalucía.