Rastros de cera antiga en Sober

C. Rueda | F. Albo SOBER

SOBER

Reportaxe | Vestixios dunha actividade industrial extinguida Na parroquia de San Martiño consérvanse en condicións precarias varios restos do obradoiro en que traballaron os cereiros locais ata hai 35 anos

04 nov 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

?a parroquia soberina de San Martiño de Anllo consérvanse algúns dos poucos vestixios materiais que quedan das pequenas industrias artesanais da cera que existiron durante séculos na comarca e que en tempos representaron unha considerable actividade económica. Trátase dos restos dun antigo obradoiro que pertenceu á familia Rodríguez, dedicada durante máis dun século a fabricar e vender cera e velas. Un dos últimos cereiros da localidade foi Alfonso Pérez, que traballou ata 1970. O que queda da pequena fábrica, a pesar do seu notable interese histórico e etnográfico, gárdase nunha vivenda hoxe deshabitada e bastante deteriorada que se utiliza como galiñeiro. No local destaca o lagar que se empregaba para prensar a cera, non moi diferente dos utilizados para elaborar o mosto e o aceite. Outros utensilios do obradoiro xacen no lugar, nalgún caso servindo para unha función moi distinta da orixinal, noutros casos simplemente abandonados nun recanto e cobertos de po. Bernardo, Tomás e Carmen -todos xa falecidos- foron os nomes máis coñecidos dos cereiros de Anllo. Na súa época utilizábase cera en bruto, adquirida aos propietarios de colmeas. Eles mesmos percorrían as localidades do entorno -como Amandi, Pantón, Parada de Sil ou Castro Caldelas- para buscar a cera, que era transportada por mulos. Nos últimos tempos da industria cereira local, utilizábanse en cambio produtos chegados de fóra. Tanto a cera como as mechas comprábanse a unha industria de Manresa. Vendas ás igrexas Moitas das velas fabricadas en Anllo vendíanse directamente aos particulares, e sobre todo ás igrexas. A chegada da iluminación eléctrica, que empezou a implantarse no sur lucense a finais do século XIX, acabou por acarrexar a desaparición destas pequenas fábricas de cera, a maioría de carácter familiar, que nunca chegaron a transformarse nunha industria moderna nin a buscar actividades alternativas nin outros mercados. Non obstante, algunhas delas tardaron bastante tempo en extinguirse, seguramente porque a luz eléctrica tamén tardou moito en chegar a todas as vivendas nestas comarcas, pero a súa actividade foi decaendo rapidamente, xa que as velas, forzosamente, acabarían por deixar de ser o que foron no pasado, un obxecto imprescindible en todas as vivendas. Os restos do obradoiro de Anllo son así un dos poucos rastros dunha vella actividade que se xeneralizara en toda Europa a partir do século XVI, época na que as velas de cera pasaron a ser de uso xeral, substituíndo a métodos de iluminación máis primitivos, como as velas de sebo.