Propoñen nomear fillo predilecto de Quiroga ao historiador e escritor Xosé Estévez

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

QUIROGA

Xosé Estévez residiu no País Vasco desde 1973, pero mantén un estreito vínculo con Quiroga
Xosé Estévez residiu no País Vasco desde 1973, pero mantén un estreito vínculo con Quiroga XOÁN A. SOLER

Nado en 1943, colaborou na creación da ruta literaria do Concello e recentemente doou á biblioteca municipal a súa colección de libros en galego

11 ene 2025 . Actualizado a las 21:41 h.

A xunta de goberno do Concello de Quiroga aprobou incoar un expediente para nomear fillo predilecto do municipio ao profesor, historiador e escritor Xosé Estévez Rodríguez. A iniciativa partiu do BNG, que presentou unha solicitude neste sentido seguindo o regulamento municipal de títulos, honores e distincións oficiais. Despois deste acordo, abriuse unha fase informativa e de verificación na que se preparará o expediente para presentalo á alcaldía. O alcalde poderá remitir despois este expediente á comisión informativa de Cultura e elevar a proposta ao pleno. Para facerse efectivo, o acordo deberá aprobarse por maioría absoluta.

Nado en Quiroga en 1943, Xosé Estévez formouse primeiramente como sacerdote no seminario de Lugo e exerceu como párroco na Fonsagrada entre 1967 e 1969, aínda que despois abandonou a carreira eclesiástica e contraeu matrimonio coa tamén profesora María Isabel Goñi Olea, coa que tivo dous fillos e unha filla, esta última falecida no 2006. Licenciouse en Filosofía e Letras pola Universidad Complutense de Madrid e en 1973 trasladouse ao País Vasco. Obtivo o doutoramento na Universidad de Deusto e exerceu como profesor de Historia —en distintas modalidades— ata a súa xubilación.

Estévez é autor de numerosas obras de temas históricos en castelán e publicou en galego libros como Impenitencias galeuzcanas, Castelao e o Galeuzca, A lagoa da memoria e Un crego atípico na Fonsagrada 1967-1969, entre outros. Sobre a súa terra natal publicou as obras O val de Quiroga e a Galiza: na saudade do corazón e Manuel María e o val de Quiroga. O escritor quirogués mantivo tamén amizade co poeta Uxío Novoneyra e mediou para que a súa obra Os eidos fose traducida e publicada en lingua vasca.

Desde o BNG quirogués sinalan por outra parte que «a súa figura foi fonte de inspiración e supervisión» para a creación no 2023 da ruta turística e cultural «Quiroga, territorio literario», dedicada a sete escritores naturais do municipio ou vinculados estreitamente con el. «Nun recente acto de xenerosidade coa súa Quiroga natal —engaden—, Xosé Estévez vén de ofrecer ao Concello de Quiroga a doazón da súa biblioteca persoal de libros en galego», formada por centenares de obras.