O instituto de ensino medio acolle unha mostra sobre unha novela gráfica do escritor Xavier Queipo e o ilustrador Primitivo Marcos
21 nov 2024 . Actualizado a las 13:28 h.O instituto de ensino secundario de Quiroga acolle ata o día 26 unha exposición sobre a novela gráfica O paso do noroeste. As aventuras do capitán Duchesnoy, baseada nunha obra do escritor Xavier Queipo e ilustrada polo debuxante Primitivo Marcos. A mostra é organizada polas concellerías de Educación e Normalización Lingüística e financiada pola área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación. O obxectivo da exposición, segundo explican os organizadores, é «achegar o proceso creativo dun cómic a un público non afeito a valorar o traballo de creación que sempre se agacha detrás da tarefa de contar unha historia en imaxes».
A exposición está instalada no vestíbulo do centro educativo e mostra os orixinais da banda deseñada xunto ás páxinas terminadas, con información sobre o seu proceso creativo. A mostra pode ser visitada en horario escolar polos estudantes e o persoal docente, as familias dos alumnos e calquera persoa que teña interese no seu contido, sen necesidade de formar parte da comunidade educativa.
Como colofón a esta actividade, Primitivo Marcos ofrecerá o día 27 unha charla no salón de actos do instituto —a partir das 12.50 horas— dirixida ao alumnos de primeiro de ESO, que tratará sobre a iustración «e tamén sobre Castelao como figura emblemática neste eido en Galicia», din os organizadores.
A novela de Xavier Queipo O paso do noroeste foi publicada por primeira vez en 1996. No 2008 apareceu unha tradución en castelán co título Las aventuras del capitán Duchesnoy. A versión en banda deseñada publicouse no 2023. Trátase dunha novela de aventuras que conta a viaxe dun navío francés do século XVIII que intenta descubrir a ruta marítima entre o Atlántico e Pacífico que bordea Norteamérica pasando polo océano Ártico.