Lily Baker, documentalista: «Quero axudar a recuperar a historia e a experiencia das mulleres do rural»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

PANTÓN

Lily Baker presentará o seu documental na casa de Cultura de Pantón
Lily Baker presentará o seu documental na casa de Cultura de Pantón CEDIDA

Baker presentará este venres en Pantón o documental «Elas», gravado neste municipio e protagonizado por veciñas de varias localidades

23 sep 2022 . Actualizado a las 16:13 h.

A Casa de Cultura de Pantón acollerá hoxe a primeira proxección pública do documental Elas. Historias e lembranzas das nosas avoas, filmado en varias localidades deste concello. A súa autora é Lily Baker Föhring, de 28 anos, natural de Pantón e filla dun británico e unha alemá asentados no municipio desde hai máis de tres décadas.

—Como xurdiu este proxecto?

—Por un lado, despois de estudar audiovisuais na Coruña, pasei dous anos viaxando polo mundo e ao regresar comecei a percibir Galicia doutra maneira. Intereseime moito máis na nosa cultura, a nosa lingua... Por outro lado, falando cun amigo que foi vivir na Torre de Vilamirón —na parroquia de Pombeiro—, contoume que para asentarse alí recibira moita axuda dunhas veciñas de entre 70 e 90 anos, coas que chegou a ter unha amizade especial. Ao principio el non sabía nin como plantar un tomate, e esas mulleres ensináronlle moitas cousas: como cultivar a terra, como recoñecer e utilizar as plantas medicinais e outras cousas que se encontran polo monte... Cheguei á conclusión de que se están perdendo as historias persoais e a experiencia das mulleres do rural, e quixen axudar a recuperalas.

—Onde foi filmado o documental?

—Ademais da Torre de Vilamirón, tamén gravei en Frontón e Serode. As mulleres que aparecen no documental son oito en total. O traballo foi feito pouco a pouco, falando tranquilamente con elas e preguntándolles polas súas vidas. Todas teñen moitas cousas que contar, algunhas máis duras que outras, aínda que nos seus tempos non se lles daba importancia. Son mulleres que viven nunha Galicia baleirada pola emigración e que coñeceron uns tempos moi marcados polo machismo. Nunca tiveron a oportunidade de contar as súas historias, como moitas mulleres do rural.

Unha captura do documental «Elas» na que aparecen algunhas das súas protagonistas
Unha captura do documental «Elas» na que aparecen algunhas das súas protagonistas

—Que valor cre que poden ter hoxe esas historias?

—Realizar este documental foi unha forma de decatarme de que eu tamén necesitaba toda esa información que elas posúen. Con este traballo pretendo crear unha ponte entre esas mulleres e as novas xeracións, para que non se perda a súa experiencia. Penso que o saber que conservan pode ser moi útil, sobre todo agora,

cando a raíz da pandemia hai moita xente que decidiu achegarse ao campo e vivir máis cerca da natureza.

—Como se vai difundir desde agora este traballo?

—Agora vai presentarse en varias proxeccións públicas, a primeira en Pantón, porque as protagonistas viven neste concello. Despois difundirase gratuitamente en internet a través do portal Vimeo. En realidade, a idea que tiña inicialmente consistía en facer unha especie de mapa, é dicir, unha serie de documentais gravados en diferentes localidades da Ribeira Sacra nos que os veciños de cada lugar contarían as súas historias. O que pretendía era que os visitantes puidesen acceder a estes documentais mediante códigos QR para coñecer a historia de cada lugar contada polos propios veciños. Pero é algo moi difícil, porque cada veciño ten o seu punto de vista e creo que non se pode reflectir ben a historia dun lugar só coas testemuñas dunhas poucas persoas. O que quedou da idea inicial foi este documental.

—Contou con algunha axuda institucional para este proxecto?

—Recibín unha pequena axuda do pacto estatal contra a violencia sexista a través do Concello de Pantón. Creo que grazas a estas axudas se están movendo bastantes iniciativas interesantes en Pantón e noutros lugares.

Elas é o seu primeiro documental?

—Como proxecto de fin de carreira fixen anteriormente un traballo que quedou un pouco a medias, titulado La cuna libre, que trata sobre as alternativas educativas. Dentro de Galicia tamén traballei noutro proxecto titulado A voz das raíces. Especialiceime en documentais que tratan sobre cuestións como a ecoloxía e os cambios sociais, e agora vou continuar a miña formación estudando documental creativo en Barcelona.

Proxeccións de «Elas»

Pantón. Ás 19.30 horas deste venres na Casa de Cultura.

 A Pobra do Brollón. Ás 20.15 horas do día 29 na Casa de Cultura. 

Chantada. Ás 18.00 horas do día 30 no Espazo Xove. 

Sober. Ás 19.00 horas do 8 de outubro na Casa de Cultura.