Pantón recupera a figura histórica da última abadesa do mosteiro de Eiré

O certame Mulleres de Lemos dedícase a este ano a Inés Fernández, que se opuxo á supresión do seu convento

A igrexa románica de de Eiré, chamada O Mosteiro, pertenceu a un antigo convento
A igrexa románica de de Eiré, chamada O Mosteiro, pertenceu a un antigo convento

monforte / la voz

Inés Fernández, a última abadesa do desaparecido convento feminino de San Miguel de Eiré -no actual municipio de Pantón- é a protagonista da sexta edición certame de divulgación Mulleres de Lemos, organizado polo colectivo Lemos Le, que agrupa a diversas bibliotecas escolares e municipais do sur lucense. Con ocasión do Día da Biblioteca -o próximo 24- celebrarase a entrega dos premios deste concurso, que comprende unha categoría de banda deseñada -para alumnos de secundaria e bacharelato- e outra de traballos literarios ou de investigación, para persoas maiores de 18 anos.

O acto celebrarase durante unha cea que terá lugar o día 26, a partir das 21.30 horas, no establecemento de turismo rural Rectoral de Castillón. Quen desexe asistir pode retirar a invitación ata o día 18, ao prezo de 22 euros, nas bibliotecas públicas municipais da Pobra de Brollón, Bóveda, Pantón, O Saviñao e Sober, ou ben nas bibliotecas escolares do colectivo, no instituto monfortino Daviña Rey ou no propio restaurante. Na cea actuará a cantante de fados e mornas Eugenia Sanmartín.

Inés Fernández, falecida en 1507, foi unha das abadesas dos mosteiros rurais galegos que se opuxeron á supresión destas comunidades e á súa integración no convento feminino compostelán de San Paio de Antealtares, fundado o 23 de xullo de 1499. Neste congregación, ubicada no edificio dun antigo mosteiro beneditino, foron concentradas as abadesas e as monxas que vivían entón nos conventos de Eiré, San Pedro Fiz de Cangas -tamén en Pantón-, San Xillao de Lobios -en Sober-, Santa María de Pesqueiras -en Chantada-, San Xoán da Cova e Santo Estevo de Chouzán -en Carballedo-, San Miguel das Negradas -no Vicedo-, San Pedro de Lobaes, San Pedro de Ramirás e San Salvador de Sobrado de Trives -na provincia de Ourense-, San Pedro de Dozón, San Pedro de Ansemil, Santo André de Órrea e San Salvador de Alveos, todos estes últimos na provincia de Pontevedra. A unificación de todas estas comunidades monásticas femininas obedecía á política dos Reis Católicos e de Felipe II, que estaban en contra da existencia dos pequenos mosteiros rurais e favorecían a formación de congregacións máis importantes e numerosas.

Monxas trasladadas a Santiago que se resistiron á clausura e que chegaron a fugarse

Segundo un estudo publicado no 2006 por María Mercedes Buján Rodríguez -titulado Informaciones de las monjas que habitaron en el monasterio de San Paio de Antealtares desde 1499 a 1899- boa parte das freiras dos cenobios afectados pola reforma dos Reis Católicos non aceptaron ser concentradas no convento de Santiago e ao menos nove delas chegaron a fugarse durante a noite.

O novo modo de vida das monxas concentradas en San Paio de Antealtares, segundo explica a a autora do traballo, contrastaba fortemente cos costumes que se seguían nos mosteiros rurais femininos de finais do século XV, onde non existía a clausura nin se aplicaba o voto de silencio, e as monxas vivían nun réxime de maior liberdade. A maioría destas relixiosas -engade Buján Rodríguez no seu estudo- pertencían a familias da alta fidalguía e non estaban afeitas a vivir encerradas, un novo modo de vida que lles foi imposto ao trasladarse a Santiago.

A reforma dos mosteiros femininos foi encomendada ao monxe frei Rodrigo de Valencia, prior do mosteiro de San Benito de Valladolid. Apesar da súa resistencia, os conventos afectados por estas ordes foron pechados e a nova comunidade de San Paio de Antealtares xa estaba consolidada en torno a 1515. Pasado algún tempo, segundo apunta a autora do referido traballo, o convento compostelán chegou a ter 68 monxas, todas elas procedentes de familias fidalgas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Pantón recupera a figura histórica da última abadesa do mosteiro de Eiré