«A creación é básicamente un estado de abandono»

Carlos Cortés
Carlos Cortés MONFORTE

O SAVIÑAO

Entrevista | Pepe Barxa Pepe Barxa fai expresión contemporánea co material e as técnicas dos carpinteiros na mostra que ten aberta en Monforte

23 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

?epe Barxa é o autor do enorme Cristo do interior da igrexa de Escairón. Na súa producción artística esta obra monumental e sacra é unha rareza. Pero non tanto, porque este escultor e pintor do Saviñao ten tocado case tódalas técnicas e temáticas. Estes días expón unha colección de esculturas na galería Sargadelos de Monforte. -¿Cal é o argumento desta exposición? -Na exposición hai pezas con intención narrativa e outras que simplemente son. Mestura o abstracto co figurativo, pero todo ten en común a intención de contar que as madeiras e outros materiais clásicos poden ser un instrumento perfecto para a comunicación en linguaxe contemporánea. -¿Que técnicas utilizou? -Usei os mesmos procedementos de calquera carpinteiro. Transmitir a tradicións non é transmitir os mesmos criterios estéticos, senón asentar un sobre o outro. -Non é fácil ver exposicións súas. -Non me movo moito no circuito das exposicións. Produzo e vendo, traballo sobre encargos... -Coma o do Cristo da igrexa de Escairón. -Ou coma os frescos que fixen no pazo de Arxeriz. -¿Frescos? -Si. Frescos sobre o Apocalipsis feitos para o ano 2000. É unha obra conceptual importante para min porque se se fai un fresco é para que dure, para que trascenda ó futuro. Se non, non pagaría a pena polo difícil que resulta facelo. -¿Acepta calquera tipo de encargo? -Normalmente non hai problemas. Hai que escoitar a quen o pide, que trata de poñer en palabras un desexo formal, e iso a veces non é fácil. Escoitar e falar. Logo fago bocetos con opcións para que elixa. O importante é que cada obra ten un compoñente de liberdade irrefreable. Un pode planificar un traballo para previr sucesos, pero sempre queda un espacio do que ninguén é dono, porque a creación é básicamente un estado de abandono.