Crónica | Feiras da comarca sarriana A vila de Sarria non tivo certame gandeiro de seu ata o ano 1820 e tivo que esperar 50 anos máis para dispor de dous días ao mes dedicados a estos mesteres comerciais
06 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.No antigo marquesado de Sarria só están documentadas as feiras de Santa María de Vilamaior de Paradela, ou Santa María de Vilamaior da Lobataira, que se celebraban todos os días 15 no Campo do Palacio, e foi trasladada arredor do 1950 a Pacios de Paradela, e ademais a feira aneira de San Lázaro, na parroquia de San Pedro de Maside. A feira de San Lázaro organizábase a carón do hospital de gafos, coincidindo coa romaría que polo seu excelso patrono, xa desde tempo inmemorial, e que se viña celebrando o domingo de paixón ou de San Lázaro. Nas contas do ano 1561, que son as mais antigas das que hai referencia, figuraba xa a esmola recabada na festa do santo, e nas do 1689 consignábase a que procedía das candeas do santo o día del e o da feira. A feira de San Lázaro estivo viva ata darredor de 1960, e é hoxe a súa heredeira a feira de antigüedades que con tan bon suceso se ven organizando nos últimos anos. En Barbadelo, que era da xurisdicción da Abadía de Samos, no lugar de mercado da Serra houbo feira que conta con referencias medievais, mais como ata 1840 Barbadelo non pasou a estar suxeita a Sarria, non se pode considerar unha feira de Sarria senón de Samos, sendo recuperada nos días 6, na segunda metade do XIX. Outras feiras de perto de Sarria foron a dos Remedios no alto de Cesar, cada día oito, celebrada algúns anos da segunda metade do século XIX, e a de Santa Marta, na súa capela do monte da Chá. A vila de Sarria non tivo feira de seu ata o ano 1820. Foi no Trienio Liberal cando o goberno da nación concedeulle á vila que crease e mantivese a feira do vinte, que foi a primeira en se celebrar regularmente na capitalidade do partido. O 8 de maio de 1890 a proposta do concelleiro don Evaristo Gayoso Losada, e sendo alcalde don José Vázquez Castiñeira, acordouse a creación dunha segunda feira a día 6 de cada mes, principiando no mes se setembro dese ano, e ampliando a contratación ao gando cabalar e mular. Publicación de edictos Na sesión de 12 de agosto acordouse a publicación de edictos nos boletíns das catro provincias, en dous xornais de Lugo, nos concellos do partido e mais dos limítrofes e remitir circulares ós alcaldes de barrio. O día 20 de agosto o disparo de bombas e a gaita do país anunciaron a apertura da feira, e un xurado composto por catro concelleiros e dous veterinarios concederon unha serie de premios ós animais mais destacados entre os presentados no recinto e prometéndose que a nova feira constituirá un elemento máis da riqueza o distrito, é motivo para que este e aquela no seu nome, amose o seu regocixo públicamente facendo que recorra a gaita do país a víspora e o día da feira inaugural, as rúas da poboación, e sexan disparadas seis bombas ao mencer e sexa engalanada a casa consistorial. Visto o bon suceso da primeira feira, na sesión do Concello celebrada o 11 de setembro acordouse que para a seguinte se concedesen novos premios xa que na anterior moitas clases de gando quedaran faltas de estímulo, dándose máis de 150 pesetas en premios. A feira do 27 foi creada sendo alcalde don Antonio Peña Villamarín, no ano 1946, con especial adicación ao gando cabalar, mular e asnal. Esta feira por ser a máis recente é a de menos importancia sendo popularmente coñecida como Feira dos Burros. As feiras de Sarria son hoxe un medio tradicional, e moderno ao tempo, de facer transaccións e supoñen un movemento económico significativo. Seguen celebrándose no espacio que ocupou o mercado medieval a carón da Torre do Mercado da antiga fortaleza condal e non lonxe estaba a ermida de Santiago do Mercado que perviviu ata 1850. Este espacio, en 1860, foi ampliado como consecuencia de ser derrubada nese ano a fortaleza e adquirida a metade do solar polo Concello. Andando o tempo, o campo foi ampliado con expropiacións de terreos da casa de Ferreiró e por compra doutra finca aos heredeiros de Armindo Pena. Algunhas desaparecidas Na comarca están documentadas outras feiras: O Incio (Laiosa, Cruz do Incio), Láncara (Láncara, Carracedo, A Pobra de San Xulián e A Esfarrapa), Paradela (Mosteirovello, Aldosende e Paradela), O Páramo (Vilarmosteiro), Samos (Samos, Castroncán e a Ponte de Lóuzara) e Triacastela, algunhas delas xa desaparecidas e outras en franco esvaimento. O crecente pulo das feiras gandeiras que se celebran en Sarria aconsella que se introduzan novas melloras e agora parece que hai unha fonda preocupación sobre o asunto. As xestións que se fagan consolidarán o labor iniciado polos concellos dos anos 1820, 1890 e 1946, nunha liña de continuidade e de mellora.