Deportistas de élite e locais mandan mensaxes de ánimo ao colexio Torre de Lemos

C.C. MONFORTE / LA VOZ

MONFORTE DE LEMOS

O exfutbolista e adestrador Luis Milla. no vídeo que enviou ao colexio Torre de Lemos
O exfutbolista e adestrador Luis Milla. no vídeo que enviou ao colexio Torre de Lemos INTERNET

25 abr 2020 . Actualizado a las 10:11 h.

«Creo que xa queda pouco, temos que aguantar, resistir e anímovos a que lle sigades insistindo á xente para que queden na casa. Unha forte aperta a todos desde a miña casa de Madrid». Esa é a mensaxe que Luis Milla, o exadestrador do CD Lugo, lles dirixíu hai uns días aos estudantes do colexio monfortino Torre de Lemos e que eles divulgan agora a través da emisora de radio do centro.

Milla, que ademais de adestrador do CD Lugo foi tamén seleccionador nacional sub-21 e futbolista do FC Barcelona e o Real Madrid, non foi o único que mandou estes días mensaxes de ánimo aos estudantes e a toda a comunidade educativa desde colexio de Monforte. Profesores deste centro conseguiron que un total de catorce deportistas, moitos deles de élite, fixesen chegar mensaxes que os rapaces incluíron nun programa especial na súa radio sobre o coronavirus.

Entre eses deportistas hainos de fóra, como Denís Suárez, fubtolista do Celta; Juan Carlos Navarro, xogador de básquet do FC Barcelona; Serge Leuko, lateral do CD Lugo; Salva Arco, capitán do Breogán; Ignacio Alabart, do equipo de hockey do Barcelona; e Juan Copa, adestrador do Liceo. Tamén se sumaron a esta inicaitiva os deportistas locais, ou que militan en clubes desta zona, Saleta Fernández, Noelia Sánchez, Eduardo Iglesias, Filip Knezevic, Adri Armesto e Miguel Granados. A maioría enviaron audios coas súas mensaxes, e algúns, como Luis Milla, optaron por mandalos en vídeo.

«Tratábase de darlle ánimos á comunidade educativa do colexio nestes momentos tan complicados», explica Luis Conde, un dos profesores que estiveron na orixe desta iniciativa. Finalmente, ademais dos deportistas, o colexio tamén conseguiu mensaxes de exalumnos que actualmente están vivindo fóra. Unha delas chegou incluso de Finlandia. Os profesores de música colaboraron tamén co envío de composicións musicais para o programa. «Aos nenos fíxolles moita ilusión», explica Luis Conde.