De férridos e duros

Iván Á. Merayo TRIBUNA PÚBLICA

MONFORTE DE LEMOS

28 ene 2015 . Actualizado a las 22:24 h.

O

pasado luns no pleno da corporación municipal de Monforte de Lemos, puidemos comprobar, máis unha vez, a soberbia e a chantaxe dos que se cren posuidores da razón absoluta. Dos intolerantes e intransixentes, dos talibáns da Cultura por volume. No punto no que se trataba a idoneidade de que a Casa da Cultura de Monforte pasara a chamarse «Lois Pereiro», fomos testemuñas da irracionalidade de quen se ten que documentar ás presas para poder debater por imperativo legal: «No vaya a ser que los rojos me ganen puntos».

Armada cunha impecábel lóxica decimonónica -todo naftalina- e parapetada detrás de toda a Idade do Ouro da literatura española, a portavoz municipal do Partido Popular de Monforte, a deputada conservadora Julia Rodríguez Barreira, avergoñou en pleno á cultura do noso país -de dereitas e de esquerdas- subiulle as cores á veciñanza monfortina -conservadora ou progresista- e, dun xeito completamente gratuíto, crispou a sentida e merecida homenaxe que o pobo de Monforte estaba a tributar ao noso poeta Lois Pereiro. Noso por Galiza e por Europa, noso pola universalidade da Cultura. Imperou o respecto e a lóxica, e a Casa da Cultura renderá homenaxe co seu nome ao poeta, e con el a toda a cultura do país.

Todo estaba xa escrito, pero os «férridos e duros» non o entenderon non.

 

«Cuspídeme enriba cando pasedes por diante do lugar onde eu repouse, enviándome unha húmida mensaxe de vida e de furia necesaria» (Lois Pereiro)