«Monforte non se pode permitir ter como está agora unha esquina da avenida de Galicia co Cardeal »

MONFORTE DE LEMOS

Xosé Lois López Otero valora as actuacións que se están a levar a cabo no casco histórico de Monforte, pero considera que unha rehabilitación en profundidade é inviable sen un plan especial de protección. «O casco histórico é un valor que está aí e toda a enerxía que poida axudar a conservalo debe ser aproveitada», destaca. -¿Como valora as actuacións que se están a levar a cabo dentro e fóra da área de rehabilitación integral? -Quero deixar claro, antes de nada, que non pretendo restar importancia ao traballo que se está a realizar pola recuperación do casco vello. O que se rehabilita, dende logo, non lle fai mal ningún. Penso, sen embargo, que se trata de actuacións moi concretas, de iniciativas particulares. Hai cidadáns que coidan o seu e iso está moi ben, pero intervir dun xeito máis ambicioso no conxunto histórico coa posición que mantén a comisión provincial do Patrimonio segue a ser imposible. -¿Tanto condiciona a ausencia de plan especial? -A aprobación do plan especial é fundamental se queremos parar a degradación do casco histórico, que é algo que está aí por moito que se actúe en casos puntuais. Hai unha oficina de rehabilitación que funciona ben, pero fáltalle esa ferramenta fundamental. Tal e como están as cousas todo depende de Patrimonio, que opta por unha interpretación moi rácana da lexislación vixente nesta materia. Unha lectura literal na que, por exemplo, non cabe modificar o volume edificable o máis mínimo, aínda que entren en xogo outras consideracións que así o aconsellen. -¿Desanima esta actitude aos promotores? -A promoción privada no casco histórico é un verdadeiro vía crucis . Unha cidade como Monforte non se pode permitir ter unha das esquinas da avenida de Galicia e o Cardeal no estado en que está agora. Cítoa porque é un caso que non me incumbe profesionalmente, pero que entra polos ollos. O que se faga logo poderá gustar máis ou menos, pero así non pode estar. -¿A que atribúe o retraso no plan especial? -A que facelo ten un custo alto e, por así dicilo, non se ven os ladrillos.