Un mes seco como poucos

MONFORTE DE LEMOS

A chuvia rexistrada en Monforte durante o pasado outubro reduciuse en 172 litros con respecto ao 2006

03 nov 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Os datos recollidos durante o pasado outubro en Monforte pola estación meteorolóxica do instituto A Pinguela mostran unha diferenza radical en precipitacións con respecto ao mesmo período do 2006. No presente ano rexistrouse en Monforte a caída de 1,2 litros por metro cadrado durante todo o mes, mentres que o total de chuvia acumulada en outubro do 2006 no observatorio do monte Marroxo foi de 174,6 litros.

Durante todo o mes pasado só choveu en dúas ocasións -os días 3 e 4- e en ambos casos a cantidade rexistrada foi de 0,2 litros por metro cadrado. Polo contrario, en outubro do pasado ano só houbo once días sen chuvia. Durante aquel período houbo xornadas especialmente chuviosas, con máximas que superaron en determinados días os 27, 25 e 16 litros por metro cadrado.

O pasado outubro tamén destaca pola súa excepcional calidez diurna, cuns valores que parecen máis propios do verán que do outono. As temperaturas máximas diarias sobrepasaron os 25 graos centígrados en dezaoito ocasións. O termómetro chegou a marcar unha máxima de 28,2 graos o día 14 e rexistrou valores semellantes -de máis de 27 graos- outras sete veces. A máxima máis baixa de todo o mes foi de 17,9 grados e correspondeu ao día 30.

Temperaturas mínimas

Polo que respecta ás temperaturas mínimas, ao longo do pasado mes houbo cinco ocasións en que caeron un pouco por debaixo de cero. A máis baixa, rexistrada o día 27, foi de 1,7 graos baixo cero. Pero noutras sete ocasións, as mínimas foron superiores aos dez graos e o día 6 foi de 14,1 graos.

En outubro do 2006, a temperaturas máximas rexistradas na estación meteorolóxica do Marroxo non chegaron en ningún momento aos 25 graos. A máxima máis alta foi de 24,5 e só houbo seis días nos que o mercurio subiu por riba dos 20 graos. As temperaturas mínimas do útimo ano foron tamén bastante máis suaves e uniformes que as do pasado mes, xa que as máis baixas que chegaron a rexistrarse durante aquela etapa foron de 9,7 graos, con máximas de ata 15,1 graos.