Un edificio construído no século XVI e desaparecido no XIX, que foi un dos emblemas de Monforte

La Voz

MONFORTE DE LEMOS

? construción do convento franciscano de San Antonio comenzou en 1503 por iniciativa de Rodrigo Enríquez de Castro, segundo conde hereditario de Lemos. As obras tardaron moitos anos en concluír. Aínda en 1584, o cardeal Rodrigo de Castro -neto do fundador- contratou mestres de obras e canteiros para construír o claustro e rematar o edificio. Durante moito tempo, o mosteiro foi un dos emblemas de Monforte e ao seu redor foi formándose o actual barrio que herdou o seu nome. Na súa igrexa foron enterrados diversos membros da familia condal. O edificio, de considerables dimensións, parece ter sido un importante exemplar de arquitectura gótica e renacentista. O mosteiro foi asaltado en 1809 polas tropas francesas, que asasinaron a varios monxes. A comunidade relixiosa quedou moi mermada e desapareceu totalmente anos despois, coa Desamortización. O edificio caeu no abandono e acabaría sendo derribado antes de acabar o século, ante a indignación de Manuel Murguía e outros intelectuais da época.