TRIBUNA | O |
28 mar 2006 . Actualizado a las 07:00 h.PARECÍA que a estas alturas, despois de varias décadas de réxime democrático, xa non molestaría a ninguén que se fixese unha homenaxe pública a uns combatentes antifranquistas dos anos corenta. Pero non. Ao parecer, alguén sentiuse molesto polo feito de que se instalase no cemiterio municipal de Monforte unha lápida conmemorativa en memoria dos guerrilleiros caídos no combate de Chavaga en 1949. E en vez de expresar a súa disconformidade de forma civilizada -de palabra ou por escrito- optou por arrincar a placa e facela desaparecer. Ou sexa, optou por manifestar o seu parecer dunha forma incivilizada e cerril, como un auténtico e impresentable energúmeno. Se cadra o responsable -ou responsables- do roubo preferiría que os mortos de 1949 seguisen xacendo como ata agora, sen nome e sen lápida, no anonimato da foxa común. Se cadra pensa que os que se opuxeron á ditadura non son merecedores de homenaxes públicas, nin de recordatorios, nin de nada. En fin, nunha sociedade democrática é lexítimo soster todo tipo de opinións, incluso as opinións antidemocráticas, sempre que non se sobrepasen certos límites, claro está. Pero un cemiterio municipal non é unha propiedade particular e ninguén está lexitimado para retirar dun espazo público como este un elemento conmemorativo polo simple feito de que non lle gusta. Un elemento instalado por decisión dunha lexítima corporación democrática, por certo, non como outras placas conmemorativas, das que aínda queda por aí algunha mostra e que seguramente bota de menos o autor do roubo. Cabe esperar que o responsable -ou responsables- do feito acabe sentado no banco dun xulgado. As normas de convivencia democrática tamén se aprenden así.