Saudade das varandas

MONFORTE DE LEMOS

A TRIBUNA | O |

05 ago 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

OS visitantes que chegan a Monforte nestes días previos ás festas deben de sentirse tan desconcertados como os propios veciños. Desde hai uns días, Monforte xa non parece o mesmo. A desaparición das varandas de fundición que defendían as beirrarúas en certos puntos da cidade supuxo unha alteración radical capaz de desorientar a calquera. Desde hai moito tempo, esas varandas constituían un elemento básico da estética urbana, un punto de referencia tan emblemático como a propia torre de San Vicente. Unha vez desaparecidas, xa nada é como antes. É imposíbel non sentir saudade ao pasar polo cruzamento do Cardeal e a avenida de Galicia, por exemplo, e non ver xa esas varandas que eran calquera cousa menos obxectos inanimados. Perpetuamente cambiantes como as nubes e como o mar, ofrecían cada día un aspecto diferente. Rotos, escachados, retorcidos, nunca iguais, aqueles elegantes amasillos de ferro non só tornaban menos monótona a paisaxe urbana: foron tamén un consolo psicolóxico para algúns pobres alienados que unha e outra vez arremetían contra eles cos seus autos, aliviando as súas frustracións. Eran moi caras, alega o Concello para xustificar a súa desaparición. Si, mais -non hai dúbida- alegraron moito a vida dos monfortinos.