Festa da historia

CÉSAR CARNERO

MONFORTE DE LEMOS

LA TRIBUNA | O |

02 abr 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

ENTRE AS moitas cousas gañadas entre libros, lembro unhas palabras de Rilke nas que vén dicir que non se pode construír o futuro de costas ao pasado. Non é posible progresar esquecendo as raíces... O vindeiro día 10 celebramos os 900 anos da refundación da cidade aos pés do monte de San Vicente, o antigo Castro Dactonio, ao abeiro do vello mosteiro bieito. Esta data é ante todo celebración da nosa historia, da pequena e da grande historia desta anterga e ilustre cidade de Monforte, no corazón das Terras de Lemos. É tamén ocasión de acudir ás fontes para non morrer. E as fontes deitan deste monte no que estivo a capital dos lemavos, pobo romanizado e que moi cedo recibe a fe cristiá, expresión senlleira da cal é o mosteiro co fermoso templo que incorpora nos muros, coma unha metáfora, as pedras das humildes construccións castrexas, prerrománicas e medievais... Neste monte está pois o cerne da nosa historia. Sen este lugar e o que significa, Monforte non sería posible. Dende o momento en que o abade Miguel e os seus monxes ceden as terras para o engrandecemento e reedificación da vila consolídanse uns vínculos que chegan ata os nosos días. Celebrar os 900 anos ten que nos levar a anovar o noso compromiso de non esquecer o pasado. Pero hoxe resulta doroso ascender polos vellos camiños do monte, que se perden entre silvas; contemplar as murallas feridas, desmoronadas, das que só parecen compadecerse a hedra e o musgo, e chegar ao vello templo de San Vicente -hoxe afortunadamente en obras- con pinturas, retábulos, etc. que se están a perder... Démoslle as costas ao monte. Compre ollalo de cara, recuperar o noso pasado, a nosa historia, se queremos construír un futuro próspero. Debémosllo aos que nos precederon, e a nós mesmos. Oxalá en cen anos, outros pés poidan percorrer os vellos camiños do monte, tecendo entre os muros e as alfombras de coios, historias da Historia, ata chegar ó templo restaurado e exclamar con Rosalía: "¡Hay arte!, ¡hay poesía...! Debe haber cielo, ¡Hay Dios!"