San Antonio

La Voz

MONFORTE DE LEMOS

A TRIBUNA CRISTINA DE LA TORRE | O |

16 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

O CRUCEIRO do Campo de San Antonio non entende nada. É un espectador impasible de palcos e plenos. De un río que non flúe e dun colexio que non imparte. De un barrio que empeza pero que acaba. Dende o mesmo momento en que se cruza a ponte vella de Monforte, deixando atrás a zona de mercaderes, dá a impresión de que a vila remata. E o caso é que comeza un dos seus barrios máis antigos. Fai non moito parece que era tamén dos máis vivos, pero a vida, o contrario ca antigüidade, pérdese cos anos se non se coida. E San Antonio é un barrio descoidado e entregado ó esquecemento. DemasiAdos carteis anunciando casas en venta e pouco interese por aproveitar o seu potencial. Un visitante novel admite que non lle importaría alugar unha desas casiñas con patio cara o río. Suxire que un roteiro que partira da ponte, pasara polo convento e permitira apreciar balcóns e galerías recuperadas sería moi agradable. Sospeita que alguén se está fixando demasiado nas pedras e pouco na idiosincrasia que trasmite a arquitectura popular de Monforte. Interpreta que os monfortinos se están a esquecer de sí mesmos e das súas particularidades.