Os veciños quéixanse ao bispo pola marcha dun sacerdote
03 nov 2012 . Actualizado a las 07:00 h.Representantes das asociacións veciñais das parroquias taboadesas de San Xulián do Campo e Piñeira acudiron onte pola mañá ao Bispado de Lugo para presentar senllos escritos nos que se pide a anulación do traslado do párroco Alfonso Fraga, que leva catro anos ocupándose destas freguesías xuntamente coas de Castelo, Vilela, Cicillón, Sobrecedo e Requeixo, esta última no municipio de Chantada. Pouco despois, numerosos veciños asistiron ás misas da festivididade de Defuntos que oficiou o sacerdote en San Xulián do Campo e Castelo.
Alfonso Fraga, que estará adscrito a partir de agora á parroquia do Sagrado Corazón, na capital da provincia, non quixo onte facer nigún comentario ou declaración e limitouse a oficiar nunha igrexa abarrotada de fieis procedentes de varias parroquias. Pero os seus fregueses non tiveron ningún problema en expresar o malestar que lles causa a decisión do bispado. Abel Fernández, vicepresidente da asociación de veciños de San Xulián do Campo, manifestou o seu convencemento de que todos os veciños das sete parroquias atendidas por Alfonso Fraga comparten o desacordo con este traslado.
Ademais da entrega de cartas levada a cabo onte en Lugo, a asociación de veciños de Requeixo solicitou unha audiencia co bispo Alfonso Carrasco para falar deste mesmo asunto. A entrevistaestá fixada para o martes. Non son os únicos que pretenden explicar de viva voz ao prelado o pesar que lles provoca a marcha do párroco, porque o colectivo veciñal de San Xulián do Campo convidou con esta mesma intención a Alfonso Carrasco a asistir a un magosto popular que se celebrará mañá na parroquia á saída da misa, a partir de las 13.45 horas. Os veciños esperan que este festexo sexa unha sorte de concentración de protesta polo traslado do sacerdote. Onte xa había máis de cen persoas apuntadas para participar no magosto e os organizadores confían en que a cifra se duplique cando chegue o momento da celebración.