Outra vez o muro do paseo

CARLOS VÁZQUEZ

CHANTADA

TRIBUNA | O |

24 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

O ESTRAÑO non é que un temporal derrube unha parte dun paseo. O realmente curioso é que sexa a segunda vez que ocorre algo así en tan pouco tempo. ¿Non vén de ser así en Chantada? Porque se ben agora o suceso poida e talvez deba ser atribuído á crecida do río Asma, hai tan só uns meses que por alí mesmo, preto da pasarela peonil, ocorría xa algo semellante. E poderíamos pensar que os muros ou valados de contención son xa vellos e cómpre recompoñelos. Pero non. Segundo se informou, este treito do paseo fluvial non ten máis ca ano e medio de existencia. ¿Será que os encargados das obras de construción do paseo non fixeron ou non remataron ben o seu traballo? Pois iso parece. ¿Será que tampouco houbo suficiente dilixencia nos que deberan mirar de que o fixeran correctamente? Pois igual si; é dicir, claro que si. Hai que dicir que estas cousas tamén ocorren a miúdo noutros lugares. Fanse mil estudos, licítase e concédese a obra sen que despois ninguén dende as administracións públicas faga o debido seguimento unha vez que o traballo está feito. Para no seu caso esixirlle ás empresas encargadas das mesmas que cumpran co disposto. Igualando o proxectado ou mesmo incluso mellorándoo. Pero, érache boa. No asunto que nos ocupa, aínda se está a tempo, no Concello de Chantada, de evitar que os continuos derrubes -xa que non foron estes os únicos- acaben producindo algún dano de maior envergadura, nas persoas. Analícese por qué acontecen estes derrubamentos, asegúrense os muros ou vólvanse facer de novo por completo, pero vaia todo na procura de evitar o que por outro lado ninguén desexa. Porque o máis importante dunha zona coma esta, dedicada ao lecer e paseo, non deixa de ser a seguridade dos que transiten polo lugar.