Adeus a don Ánxel

XOSÉ M. EYRÉ

CHANTADA

TRIBUNA | O |

06 sep 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

ABANDONÁBAMOS este sábado, cara á morada definitiva, a don Ánxel Gómez Montero. Aquel que fora da estirpe dos Gómez de Castro, deixounos en silencio, máis orfos de historia. Aquel que goza a amizade de don Ramón Otero Pedrayo e a ilustrada tertulia da Xeración Nós, deixounos, en silencio, máis orfos da cordialidade e sabedoría dos homes de ben, homes cultos que saben escoitar e falar só cando é preciso e nunca buscando confrontación, dos homes que saben compartir. Aquel a quen a falta de pulso xa negara había tempo a prática das tan por el estimadas artes plásticas, e nas que posuía grande habelencia. Aquel home xeneroso que viviu, inimigo da arrogancia, transmitindo coñecemento. Aquel que, xa octoxenario, tiña forzas aínda para regalar a súa presenza nas asembleas da Coordenadora de Asociacións Culturais. Aquel que foi exemplo para quen quixo e soubo atendelo e entendelo. Aquel a quen lle foi negado recoñecemento en vida, xa que hoxe outro nome leva un centro educativo de Chantada para o que fora xustisimamente proposto o de don Ánxel Gómez Montero. E foi este un sábado triste entre os moi tristes. Máis aínda porque Chantada, Chantada (cando aprenderás?), ti tamén, nunca tiveches o tino de saber tratar con equidade, e tampouco en vida, as personalidades relevantes nos eidos social (fóra das políticas dereitonas) e cultural que che regalaron a súa presenza e actividade desinteresadas, presenza e actividade que han redundar no enriquecemento das calidades da túa civilización, mediante o incremento da autoestima e dignidade de todos os chantadinos. In memoriam do bo e xeneroso chantadino don Ánxel Gómez Montero.