O festival Slam Poetry volve a Bóveda

La Voz

BÓVEDA

Participantes na primeira edición do Bóveda Slam Poetry, celebrada no centro sociocultural do concello
Participantes na primeira edición do Bóveda Slam Poetry, celebrada no centro sociocultural do concello CONCELLO DE BÓVEDA

A nova edición do certame de poesía recitada celebrarase no centro cultural A Casa da Memoria

18 mar 2026 . Actualizado a las 13:32 h.

O municipio de Bóveda acollerá o próximo día 28 unha nova edición de festival Slam Poetry, un certame de poesía orixinal recitada que se celebrou por primeira vez neste concello en marzo do 2023. O escenario será o centro cultural A Casa da Memoria, xestionado pola asociación A Memoria é Náufraga na localidade de Xullán, na parroquia de Tuimil. O festival comezará ás 18.30 horas e constará de dúas roldas. O público será quen elixa ao gañador.

O festival Slam Poetry celébrase desde hai anos en diversas localidades de Galicia e doutras comunidades. En Bóveda foi impulsado polo poeta Xosé Casar Gómez, natural do municipio, quen sinalou que este é o primeiro de Galicia organizado nun concello rural. Os gañadores de cada festival local poden participar despois nunha fase galega e noutra de ámbito estatal. Tanto a temática dos poemas como o idioma no que son escritos e recitados depende do que decidan os participantes no certame.

Despois do festival, a partir das 20.30 horas, o centro A Casa da Memoria acollerá un concerto do cantautor madrileño Fito Mansilla que forma parte da súa xira Canciones de amor y guerra, baseada nun disco co mesmo título.