O Gran Pastor vixía... por agora

Andrés Pavón TRIBUNA

LEMOS

21 may 2024 . Actualizado a las 13:08 h.

Parece innegable que, dende que se creou o concepto da España Vaciada, as producións agrogandeiras foron costa abaixo e sen freos. Oscilación de prezos en orixe nalgúns sectores, caída de contratos noutros, suba dos custos de produción en todos, incumprimentos das leis creadas para combater tal baleiramento, reformas da PAC pouco baseadas na realidade das explotacións... Pero esa é a parte económica. Na parte social aínda é peor.

O único negocio vinculado ao campo que vai vento en popa é o dos relatorios. Por toda España, e máis en Galicia, hai todos os días foros, simposios, congresos e xornadas nas que se analizan polo miúdo as causas e consecuencias dos males que afectan a gandeiros e agricultores. Tamén, de cando en vez, preséntanse solucións. E, por suposto, invítase sempre a triunfadores e directivos. Raro será ver neses eventos a quen ten sen cobrar a PAC por un fallo burocrático, a quen non pode superar os custos de produción ou a quen debe unha letra de pensos. O que si conseguiron os creadores da España Vaciada foi poñer firme á xente. Non hai político, actor ou ata futbolista que non teña que expresar periodicamente a súa orixe rural. Ai daquel que non fora coas vacas de cativo ou que non botara unhas patacas!!! Queda expulsado desta nova sociedade tan comprometida co arrecendo da herba segada… E non chega con expresar o compromiso verbal: hai que acreditalo con documentos gráficos en Instagram. Quen non garanta limpeza de sangue rural está no foco da nova inquisición, máis preocupada polas purgas que polas solucións. Como na novela de George Orwell 1984, o Gran Irmán aínda vixía. Neste caso, o Gran Pastor. Ou o Xato Comarcal.

Pero máis aló destas modas, hai situacións que resultan verdadeiramente preocupantes. As persoas ben intencionadas —supoño— que levan a mensaxe da España Vaciada por vilas e aldeas estanlle facendo o estudo de mercado aos fondos de investimento. Cando, por exemplo, Campo Vidal chega a un lugar e denuncia que onde había trinta gandeiros e 15.000 ovellas hoxe xa só quedan dúas explotacións e 1.000 cabezas de gando, o que está facendo é indicarlle aos investidores onde dispoñen de terreos en abundancia e a baixo prezo para chantar aeroxeneradores, aguacates ou macrogranxas. E se, de paso, hai alguén que monte na zona un negociete agroturístico —do que, por suposto, non vive pero faille ilusión— mellor que mellor xa que se lle dá un toque chic ao asunto.

Como di o doutor Israel Flammenbaum, «o sector leiteiro é unha carreira de fondo sen fin na que gaña quen segue correndo». Algo plenamente válido para todo o sector primario. O que causa pavor é lembrar como a comezos deste século todo o mundo tiña a fórmula para forrarse coa construción, ou como calquera era promotor ou contratista, ou como se deseñaban fórmulas para pagar letras de pisos mercando outros pisos para alugalos. Ou, por riba de todo, como rematou aquela festa en 2008. Xa cantaba Fausto: «De vellas casas vacías, palacios abandonados os pobres fixeron lares. Máis agora todos os días os policías ben armados desocupan os andares». Nestes tempos de expresións antes pouco ou nada coñecidas como Enfermidade Hemorráxica Epizoótica, destilación de crise ou ecorreximes, aos profesionais do sector primario só lles queda seguir correndo. E agardar a que se poña de moda a criptomoeda vaciada, o «yo me quedo... con lo bélico» ou os andamios empoderados. Para quen ten, sempre hai onde investir.