Un estudo contabiliza 325 fervenzas no xeoparque Montañas do Courel

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

Unha revista científica internacional divulga un traballo do xeógrafo Horacio García sobre os ríos e arroios do territorio que corren sobre leitos de rocha

22 feb 2024 . Actualizado a las 19:34 h.

No territorio do xeoparque Montañas do Courel hai un total de 325 fervenzas. Esta cifra é o resultado dun estudo realizado polo xeógrafo lucense Horacio García García —profesor de Xeografía Física da Universidade de Santiago e investigador en xeomorfoloxía fluvial— que foi publicado na revista científica internacional Environmental Earth Sciences. «O traballo fala do que se chama en inglés knickzones, ou sexa, zonas de pendente forte nos leitos fluviais, que poden ser fervenzas, pequenas cachoeiras ou tobogáns de rocha», precisa. «En todo caso son moitísimas para un espazo xeográfico pequeno como é o do xeoparque e esta abundancia xustifica que a este territorio se lle chame ‘a terra das fervenzas', como se fai neste artigo», engade.

O traballo realizado por García sinala ademais que todos estes saltos de auga suman unha lonxitude total de 285 quilómetros, o que representa o 47% da rede de drenaxe do territorio en estudo. O xeógrafo puntualiza que a área na que se realizou a investigación non se limita ao territorio do xeoparque, formado polos municipios de Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil. O estudo tamén inclúe o val do río Lóuzara, unha parte do cal pertence ao municipio de Samos. «Fíxose así para manter a coherencia do sistema fluvial, porque esa zona está moi cerca da serra da serra do Courel e forma parte da mesma rede hidrográfica», apunta.

Polo contrario, o traballo non se ocupa da parte sur do xeoparque Montañas do Courel, onde se encontra o val do Sil. «Nesa zona o relevo xa é diferente e non hai unha rede de fervenzas como a que está ao norte da vila de Quiroga», di Horacio García. A área de estudo cubre unha superficie de 600 quilómetros cadrados, un 76% da cal pertence ao territorio do xeoparque. Os cursos de auga existentes neste territorio caracterízanse por discorrer sobre leitos de rocha.

A investigación, explica así mesmo García, levouse a cabo coa axuda de modelos xeográficos de alta resolución e sistemas de información xeográfica que permitiron detectar os cambios de pendente ao longo dos perfís lonxitudinais dos ríos e arroios. «Para desenvolver este método apliqueino primeiro unha zona máis ampla, cubrindo unha grande parte das montañas orientais galegas, e despois centreime no territorio do xeoparque e algunhas áreas próximas», agrega.

Traballo pioneiro en Galicia

García indica que no territorio galego non se realizara antes un estudo destas características. «Aínda que en Galicia hai moitas fervenzas, practicamente non hai estudos científicos publicados sobre estas formacións», comenta. O investigador sinala que un libro sobre os ríos de leito rochoso da península ibérica editado no 2010 polo Instituto Geológico y Minero de España só lle dedica un pequeno espazo a esta comunidade. «Galicia case non aparece nese libro porque non había traballos publicados que se puidesen consultar cando o prepararon», apunta.

O investigador sinala por outro lado que a xeomorfoloxía dos ríos en rocha tampouco foi estudada en profundidade no resto de España. Exceptuando o libro referido e algunhas outras publicacións —engade—, os precedentes son máis ben escasos. «Nalgúns países, como o Xapón, si que se fixeron estudos importantes, pero iso é algo que aquí está aínda pouco investigado», afirma.

A abundancia de pizarras e cuarcitas, un factor que favorece a formación de numerosos saltos de auga

A abundancia de fervenzas no xeoparque Montañas do Courel e nas áreas inmediatas, segundo explica Héctor García, débese en boa parte ás formacións rochosas existentes neste territorio, onde predominan as pizarras e as cuarcitas. «Moitos saltos de auga débense ao que se coñece como erosión diferencial, é dicir, que os procesos erosivos afectan menos ás rochas máis duras, neste caso as cuarcitas, e iso favorece a formación de resaltes», di o xeógrafo. «A forma que ten erosionarse e romperse o granito non dá pé a estas formacións e iso é o que sucede nas zonas onde predomina esta rocha, como a parte occidental da provincia de Pontevedra, onde non hai tantas fervenzas como na serra do Courel», agrega.

García indica así mesmo que no xeoparque hai outros factores naturais que favorecen a formación de saltos de auga, como son a orientación das vías de drenaxe dos cursos de auga e os altos niveis de buzamento, isto é, a inclinación das capas de terreo.

Novas investigacións

Despois da publicación deste estudo na revista Environmental Earth Sciences, Horacio García segue investigando os ríos sobre rocha do xeoparque. Os traballos que desenvolve actualmente comprenden o uso de drons para rexistrar o relevo do territorio mediante a tecnoloxía LiDAR, que utiliza os raios láser para realizar medicións topográficas. A finais do ano pasado xa se fixeron varios voos con drons sobre os ríos e arroios da serra do Courel para rexistrar datos, que aínda non foron procesados. «Pero aínda falta moito por facer neste aspecto e este traballo prolongarase probablemente durante varios anos», advierte.

A finais deste mes, ademais, García ten previsto instalar cámaras de vídeo e pluviómetros para obter rexistros continuados do caudal de auga dos ríos e comparalos co índice local de precipitacións. Os lugares concretos onde se colocarán estes dispositivos aínda non están decididos, pero será seguramente no río Ferreiriño, en Quiroga.

En opinión do xeógrafo, os resultados destas investigacións poden servir para incrementar os recursos turísticos do xeoparque. «Indo máis alá do turismo puramente paisaxístico e de aventura, creo que sería interesante ofrecer aos visitantes unha información actualizada sobre o proceso de formación das fervenzas e sobre o papel que desempeñan os ríos no modelado do relevo das montañas», sinala. «Difundir esta información tamén pode axudar á conservación do medio natural, porque coñecer mellor as súas características fai que a xente aprecie máis esta paisaxe e polo tanto que estea máis disposta a protexela», conclúe.